O grupo municipal da Marea de Vigo solicitou este martes por rexistro a convocatoria do Consello Sectorial de Transporte do Concello de Vigo para abordar as novas medidas da Xunta así como o modo de aplicación das mesmas ao transporte urbano de Vigo, que considera de competencia municipal e non autonómica. Para Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo, a publicación no DOGA dunha nova instrucción da Xunta de Galicia, que substitúe á orde do pasado 4 de novembro de 2020 «significa de facto un aumento dos aforos nos autobuses urbáns dependentes do Concello de Vigo ao establecer formalmente un uso ao 100% das prazas sentadas e dunha sexta parte nas de de pé».
Marea considera que Vigo terá que adaptarse a esta norma a pesar de que rixe nos servizos de transporte interurbanos e nos urbanos dependentes da Xunta de Galicia, tendo xa cidades como A Coruña que anunciaron a adaptación. Para a Marea a norma é «profundamente ambigua», xa que establece que «nos vehículos e embarcacións que dispoñan de asentos, poderase ocupar a totalidade dos asentos. Deberase manter a máxima separación entre as persoas usuarias cando o nivel de ocupación o permita».
«Este feito sen un control administrativo fará que empresas privadas como a que xestiona o transporte público de viaxeiros priorice factores de aforro económico antes que reforzar liñas e frecuencias, amarrándose ao feito da ocupación ao 100% sen estudar outras alternativas que evitasen os capítulos de vehículos masificados que vivimos estes meses», matiza a concelleira.
Igualmente, Oriana Méndez apunta que «esta norma pretende que os conductores exerzan de polícias de vehículo cando é algo absolutamente fóra das funcións que o propio regulamento de transporte público aprobado polo Concello de Vigo normativiza e debería ser un reforzo de revisores de Vitrasa os que asumisen esa función, establecendo ademais as separacións entre as persoas viaxeiras cando o nivel de ocupación o permita, feito para o que tería que incrementarse o cadro de persoal da concesionaria».
Marea de Vigo esixe que o Concello de Vigo non adopte como referencia para os aforos esta norma establecendo un uso do 50% dos asentos así como o mantemento da limitación de 1/6 nos espazos para persoas que viaxan de pé. Do mesmo xeito, «o Concello debe obrigar á concesionaria a reforzar frecuencias, liñas e realizar maiores quendas de desinfección, asi como recuperar as condicións de traballo do persoal da compañía e os baños químicos nas cabeceiras das liñas, toda vez que co peche da hostalería supón un serio problema para os conductores e conductoras» conclúe a concelleira.