O Bloque Nacionalista Galego e Marea de Vigo reclamaron este luns ao goberno local que explique o proceso de soterramento do xacemento da rúa Elduayen. Tanto Xabier Igrexas, do BNG, como Rubén Pérez, de Marea, solicitaron informes técnicos sobre a xestión dos xacementos atopados na rúa Elduayen durante as obras de construción do túnel da Porta do Sol.
A fronte nacionalista sinalou que realizou esta solicitude após non ter recibido resposta sobre os mesmos na última Xerencia Municipal de Urbanismo e tras comprobar que os restos patrimoniais foron soterrados sen dar explicacións.»O Goberno municipal non ten aportado ningunha información a respecto do que alí se atopa nin tampouco de que se quere facer», valorou o concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas. «Diante desta opacidade, o BNG solicitamos formalmente termos acceso a todos os informes técnicos, no caso de que existan, sobre a xestión destes xacementos».
Desde o Bloque reiteraron as súas advertencias de que non debe priorizarse a construción do túnel antes de executar un estudo rigoroso dos restos. «As obras non poden limitar a xestión destes xacementos, que deben atender a criterios técnicos e asegurar o cumprimento estrito da normativa de protección patrimonial», subliñou Igrexas. «Non perdamos a oportunidade de poñer en valor a nosa memoria colectiva, non hipotequemos a xestión patrimonial polas présas por rematar as obras do túnel».
O edil nacionalista criticou que o goberno de Abel Caballero só teña ofrecido «explicacións xenéricas» antes de soterrar os xacementos, que agora están sendo cementados. «Alegan motivos de seguridade, pero os vigueses e viguesas teñen dereito a saber cal é o valor patrimonial que se estima cales son as intencións do Goberno local».
«Por seguridade»
Pola súa banda, o alcalde Abel Caballero respostou en rolda de prensa a preguntas dos periodistas que o tapado débese a razóns de «seguridade» e que ata o de agora non dispón do informe arqueolóxico sobre a natureza dos restos.