O grupo municipal da Marea de Vigo propuxo este xoves como premio Vigués Distinguido ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar deo Concello de Vigo. «Como servizo esencial recoñecido pola Xunta de Galicia e de titularidade municipal, ten un obxectivo clave na nosa sociedade, pois restablece a autonomía das persoas e evita situacións de desarraigo», sinala Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.
«Adquiriu un valor incalculable na loita que aínda estamos librando contra a pandemia, agora, máis ca nunca, é fundamental, tamén en Vigo, deseñar políticas públicas que blinden os coidados. E, nesa tarefa, a voz das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar debe ser escoitada», explica a concelleira.
Apunta tamén Oriana Méndez que «elas, porque son en maioría absoluta de mulleres representan o eslabón máis feble dos servizos sociosanitarios, mais esta condición de vulnerabilidade pode mudar se as Administracións Públicas e os seus gobernos teñen a vontade política de levar adiante cambios necesarios de cara ao recoñecemento de dereitos das traballadoras e á excelencia do servizo, que debe chegar a moitos máis vigueses e viguesas».
Segundo sinala a edil, a crise sanitaria «puxo sobre a mesa de xeito descarnado a necesidade de protexer o público, de crear institucións e sociedades capaces de coidar ao conxunto da cidadanía, comezando polos servizos máis próximos e directos, os servizos municipais».
Marea de Vigo defende que o Concello de Vigo impulse o deseño dun sistema de coidados construído dende o público e propoñen, ademais, o recoñecemento de Viguesas Distinguidas para o conxunto de traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Vigo.
O grupo municipal insistirá en que o Concello de Vigo avance na xestión pública directa dos servizos sociais, remunicipalizando os servizos ao dia de hoxe concesionados como é o caso do Servizo de Axuda no Fogar.