A Deputación vestiu neste 8M as fachadas da súa sede en Vigo cunha vangardista intervención de 3.000 máscaras escritas con mensaxes enviadas por mulleres da cultura e da cidadanía en xeral, na acción da creadora Luz Darriba que, co título “Coidarmos”, reivindica a urxente necesidade da corresponsabilidade nos coidados. Deste xeito, a artista elixiu como elemento simbólico da súa intervención as máscaras -que este ano son o primeiro eixo de protección- para reclamar que os coidados, tradicionalmente prestados de xeito solidario, invisible e non remunerado polas mulleres, sexan compartidos. A acción levada a cabo na sede viguesa do Casco Vello e que presidiu a presidenta provincial Carmela Silva, completouse coa exposición de máscaras intervidas que, baixo o título “Coidarmos é un acto político”, ofrecen na sala Rosalía de Castro un total de 19 mulleres da cultura.
O acto do 8M desenvolveuse ante as fachadas do edificio, onde a intervención artística de Darriba rodeou a pancarta da Deputación que este ano reivindica a axenda feminista como centro de acción, e onde soaron con forza as reflexións que moitas mulleres teñen feito sobre a igualdade, recollidas no audio «Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos», coordinado por Ticiana Ghiglione. Amais, a institución repartiu máscaras de “Mulleres en Acción. Violencia Zero” e camelias brancas en homenaxe ás pioneiras do sufraxismo.
A presidenta provincial, Carmela Silva, declarou que “estamos fartas de tanta discriminación pero fortes, moi fortes. Somos unha forza imparable e cada día sentímonos máis empoderadas, máis seguras, non imos estar caladas, imos falar alto e claro, defendendo que a igualdade é a única acción política que merece a pena e sen dar un paso atrás para reclamar xustiza. Somos a metade do mundo, recordou, e a metade do mundo ten dereito á metade de todo. Mentres nós, as mulleres, non teñamos todos os dereitos que nos corresponden as sociedades non serán democráticas”. Carmela Silva tamén lembrou que “nesta crise sanitaria as mulleres estiveron en primeira liña”, e lamentou a ausencia feminina nas “palestras, debates, conferencias ou estudos realizados sobre o acontecido durante a pandemia, onde eran eles os protagonistas”. Amais, a presidenta subliñou que as crises “teñen nome de muller”, como dicía Simone de Beauvoir. “Pasou no 2008 e tamén nesta pandemia que, novamente, deixa claro que as máis prexudicadas fomos nós, as mulleres: estabamos todas e todos na casa e, sen embargo, o 75% dos coidados recalou en nós”.
A presidenta provincial insistiu en que “precisamente polo conscientes que somos da importancia dos coidados, este ano non estamos nas rúas aínda que hai mulleres que si o están a facer e defendémolas porque é un dereito”. Ao respecto, lamentou que fronte á presenza de centos de homes concentrados onte tras un partido de fútbol ninguén “botase as mans á cabeza e, sen embargo, en canto nós amosamos o desexo de manifestarnos para defender os nosos dereitos, rapidamente nos tacharon de irresponsables. Estamos fartas de que nos criminalicen”. “Dámoslle tanto medo ao patriarcado que por iso nos quere parar. Xuntas somos tan poderosas que poden intentar deternos por todos os medios que non van conseguir que deamos un paso atrás”.
A creadora da instalación artística, Luz Darriba, participou na lectura do manifesto que elaborou para este 8M, que logo continuaron deputadas e artistas, no que se incidiu na situación que están a vivir as mulleres. “A pobreza, a miseria, as discriminacións todas teñen nomes de muller”, pero a pesar diso “as mulleres movemos o mundo”. “As mulleres coidamos –dixo-, criamos, protexemos o futuro cos nosos propios corpos. As mulleres somos máis da metade do xénero humano e temos que lograr que todas berremos cunha soa e potente vos contra un sistema inxusto, autoritario, feminicida. Nesta crise sanitaria mundial, rematou, quedou en evidencia que estivemos na vangarda, na primeira liña, loitando, coma só nós sabemos facelo, contra a pandemia e contra a inxustiza, a violencia e a misoxinia. Libres e vivas querémonos, libres e valoradas necesitámonos”. O manifesto foi dedicado “ás sanitarias, o 66% de mulleres que estiveron e están poñendo o corpo á enfermidade, ás que viviron e viven confinadas cos seus verdugos, ás que perderon os seus traballos, ás violadas a cada segundo no planeta, ás coidadoras sen recoñecemento nin pago, ás tratadas para a prostitución, ás impelidas a vender os seus ventres para paliar necesidades básicas, ás obrigadas a parir, as refuxiadas, as migrantas, as xitanas, as indias, ás que se senten mulleres; a todas. Redobraremos o esforzo para encontrármonos, comprendérmonos e amármonos. Porque o futuro será feminista ou non haberá futuro”.
Exposición
O acto finalizou na sala Rosalía de Castro da sede viguesa, coa apertura da exposición de máscaras intervidas «Coidarmos é un acto político», na que participaron as artistas Mónica Alonso, Pilar Alonso, María Álvarez, Sabela Arias Castro, Ana Costas, María Xosé Domínguez, María X. Fernández, Basilisa Fiestras, Elena Gómez, Rebeca Lar, Ruth Lodeiro, Maribel Longueira, Mercedes Molares Cabana, Mónica Mura, Enma Pedreira, Alexandra Rodríguez Rey, Tareixa Taboada e Begoña Tojo.