A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou este sábado que no vindeiro ano o departamento que dirixe disporá de máis de 12 millóns de euros para incrementar a oferta de vivenda na Cidade olívica. Así o avanzou durante unha visita ao inmoble número 11 da rúa Baiona, cuxa comunidade de veciños foi beneficiaria dunha axuda da convocatoria de 2019 da liña de actuación de mellora da eficiencia enerxética, convocada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo.
A conselleira de Medio Ambiente destacou que unha porcentaxe importante deste investimento, un 64%, servirá para impulsar no vindeiro ano o novo barrio da cidade, San Paio de Navia, pois se disporán 8 millóns de euros para levar a cabo as expropiacións e obras de urbanización da ampliación do Polígono de Navia. Deste xeito, nese mesmo ano se poderá iniciar a comercialización das primeiras parcelas para que empresas e cooperativa se fagan coa titularidade dos terreos e iniciar así a edificación de 1.600 vivendas públicas.
Outra partida importante, “pola cantidade pero sobre todo pola finalidade”, indicou Vázquez Mejuto, é a relativa ao Casco Vello de Vigo, que duplica o investimento de 2020; polo que o vindeiro ano o Consorcio do Casco Vello xestionará case 3,2 millóns de euros. Grazas a este novo orzamento, que se suma aos 27 xa mobilizados, darase continuidade á rehabilitación de vivendas nesta zona histórica da Cidade olívica, no que xa se recuperaron máis de 100 vivendas e 33 locais, cos que se dinamiza a vida familiar, social, cultural e económica. Recordou que na actualidade están en execución cinco obras por importe de 2,82 millóns de euros, para obter 15 vivendas e 3 locais.
O compromiso en materia de vivenda en Vigo tamén se visualiza coa posta a disposición de vivenda de promoción pública para os vigueses. En total, 62 vivendas para ás que se reservarán 1,34 millóns de euros para o seu remate. Lembrou que 26 destas vivendas están localizadas na Rúa Canicouva e 36 en Ignacio Grobas, estas últimas recentemente rematas e das cales tres serán cedidas ao Concello e outras 33 xa están en proceso de adxudicación.
A conselleira de Medio Ambiente tamén destacou unha liña de axudas que permitirá mellorar o estado dos inmobles. O Instituto Galego de Vivenda e Solo xestionará os 5,5 millóns de euros cos que se dota a liña de axudas de eficiencia enerxética en edificios existentes no 2021. As solicitudes poderán presentarse a comezos de ano e están dirixidas aos propietarios de vivendas e ás comunidades de propietarios, co fin de que melloren a envolvente térmica ou que aposten polas enerxías renovables nas súas instalacións térmicas.
Unhas axudas que son equiparables aos 305.000 euros concedidos á comunidade de veciños deste inmoble da Rúa Baiona, e que lles axudará a asumir os gastos para o acondicionamento total da fachada, que incluirá traballos como a instalacións dunha fachada ventilada combinada cun sistema de illamento térmico no exterior e a substitución da celosía.
Segundo explicou a conselleira, a Xunta está dando pasos para que Vigo sexa unha cidade na que vivir e na que traballar e asentar iniciativas empresariais. Recordou que esta mesma semana a Comisión Superior de Urbanismo aprobou a ampliación do Instituto de Feiras e Exposicións de Vigo (IFEVI), o último paso da tramitación urbanística. A Xunta reserva 7 millóns de euros no ano 2021 para darlle un novo pulo a este recinto, un empuxe que perderá forza se o Concello de Vigo non avanza nas expropiacións dos terreos que permita a licitación das obras.
Por último, salientou outra liña de axudas do seu departamento que rexistra un crecemento importante, a liña de subvencións de protección animal que triplican o seu orzamento, ao pasar de 125.000 euros en 2019 aos 440.000 euros en 2021. Con estes incentivos, axudarase aos centros de recollida de animais abandonados a dispor do equipamento necesario para a protección dos animais e para a realización de campañas de sensibilización.