A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dá este luns inicio á tramitación ambiental do futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático vén de publicar a documentación deste proxecto de ordenación urbanístico na páxina web de Avaliación Ambiental Estratéxica.
Así, PXOM dá un paso adiante despois de que o Concello remitira o Documento Inicial Estratéxico e Borrador, así como as emendas de documentación sinaladas desde a Dirección Xeral de Urbanismo; polo que agora ábrese o prazo de consultas previas por un período de dous meses.
Seguidamente, a administración local debe aprobar inicialmente o plan e sometelo a información pública e informe sectorial das administracións públicas afectadas. Finalizado este período, e unha vez integrado o resultado, o Concello solicitará -antes da aprobación provisional do PXOM- a emisión da Declaración Ambiental Estratéxica, que pon fin ao trámite ambiental que comeza agora.