O minicruceiro programado esta fin de semana incluíu unha visita guiada á Illa de San Simón, así como unha singradura con vista panorámica a Soutomaior e o seu castelo. O itinerario tamén permitiu gozar da cara norte da ría con vistas de Moaña e Cangas.
Impulsados por Turismo de Galicia, Portos de Galicia e a Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+), os Minicruceiros costeiros polas Rías de Galicia comezaron a funcionar o pasado mes de xuño, tempo no que contaron coa participación 1.000 persoas.
A oferta deste ano inclúe ata catro propostas diferentes con seis rutas en ferri-catamarán ou en veleiro. Trátase dos itinerarios Minicruceiro costeiro polas rías, de seis días de duración; Minicruceiro Costeiro a Vela Ruta Xacobea Mar de Arousa, de dous días; e Minicruceiro Costeiro Illas Atlánticas e Vilas mariñeiras pola ría de Vigo e Minicruceiro Costeiro a Vela Tesouros da ría de Vigo, ambos dun día de duración e coa posibilidade de escoller entre dous itinerarios diferentes pola ría de Vigo.
Ata finais de novembro
Xunto a estas iniciativas, Turismo de Galicia tamén está a impulsar este outono o turismo gastronómico combinado co turismo rural, a través do Outono Gastronómico, con estancias e menús en casas rurais; e co turismo urbano, a través do certame De tapas por Galicia, para escoller a mellor tapa nas sete grandes cidades galegas.
Todas estas experiencias son un claro exemplo de que Galicia conta con atractivos suficientes nos que participar durante todos os meses do ano, como así o ten presente o Goberno galego na súa Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego para os vindeiros anos que perfila un modelo turístico responsable e sustentable.