O Concello de Vigo deu a coñecer este luns os actos organizados para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Un programa que comeza este martes, 22 de novembro, e remata o vindeiro 2 de decembro.
O alcalde, Abel Caballero, sinalou no acto de presentación que “se trata dunha acción da máxima importancia, que conta con todo o apoio municipal”, contando nesta rolda de prensa coa presenza de Uxía Blanco, concelleira de Igualdade, e as integrantes da Comisión de Traballo para organizar os actos do 25-N: Ángeles Arias; Rosa Chantada; Rosario Otero; Mercedes Fernández e Elena Rodríguez.
O acto central na cidade celébrase o venres 25 de novembro co Enlaza Vigo 2022 contra a violencia de xénero, que celebra a Feira Educativa dirixida ao alumnado de Secundaria, Bacharelato e ciclos de FP entre as 10.30 e as 12:30 horas no Auditorio Mar de Vigo. Ás 20:00 horas seguirá coa manifestación convocada por Feminismo Unitario de Vigo, que sairá dende o cruzamento de Urzaiz con Vía Norte.
O Concello tamén organiza xornada formativas o 1 e 2 de decembro, con relatorios presenciais, entre as 17.00 a 20:30 horas, no Auditorio Municipal, con inscrición previa. As charlas correrán a cargo de Natalia Tejera (sobre a Lei orgánica de garantía da liberdade sexual); Ana Isabel Bernal Triviño (Violencias machistas e bulos en medios de comunicación); Rosana Izquierdo (sobre a detección da violencia de xénero na atención primaria).
Ademais, haberá dúas mesas redondas. A primeira, sobre os programas municipais de prevención e atención á violencia de xénero dirixidos a infancia e mocidade. A segunda, co título “Por que son necesarias políticas abolicionistas da prostitución? A ética feminista fronte á cultura da violación”.
En canto ao resto de actividades, o martes 22 novembro as 20:00 horas proxectarase no Museo de Arte Contemporánea o filme documental ‘Voar’, de Berta Gaztelumendi. Nos dous días seguinte ás 20:00 horas presentase no Auditorio Municipal a obra de teatro ‘Comando Comadres’ da compañía Matrioshka e proxectarase ‘Custodia compartida’, unha película de Xavier Legrand.
A semana seguinte, o martes 29 de novembro as 20:00 horas, o museo Marco acollerá a proxección do curto ‘Mente’ de Isabel Ocampo e de ‘16 de decembro’ de Alberto Gago.
O peche de actividades terá lugar o venres 2 de decembro. O Auditorio Municipal acollerá as 20:00 horas o concerto de A banda da Loba, con entrada libre ata completar aforo.