O Concello de Mos valorou positivamente a sentenza do TSXG coñecida este martes, na que se desestima o seu recurso contencioso-administrativo interposto contra a pretensión de Vigo de aplicar tarifas “discriminatorias” no transporte público urbano en función do empadroamento a través da tarxeta Pass Vigo.
Segundo a administración que dirixe Nidia Arévalo, esta decisión xudicial débese a “un criterio exclusivamente formal” e dálle “a razón a Mos respecto da ilegalidade da discriminación por empadroamento e advertindo de que o Concello de Vigo non pode beneficiar nin prexudicar a cidadáns en función da súa residencia á hora de aplicar tarifas no transporte, polo que deberá continuar a concederlle as vantaxes da Pass Vigo a calquera viaxeiro, sexa cal sexa o seu municipio de residencia”.
É por elo que a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, congratúlase deste “logro” do seu Concello, cuxo principal obxectivo é “defender os intereses dos seus veciños”. Segundo declarou, “aínda que o recurso estea desestimado, o importante é que nos dan a razón no fondo, e recoñecen a ilegalidade do que pretendía facer o señor Caballero”.
“Vivo esta sentencia como un éxito”, expresou a rexedora local mosense, “porque fomos ata o final na defensa da veciñanza mosense e finalmente déronnos a razón, así que a desestimación do recurso por un fallo de forma é o de menos, xa que ao recoñecer a ilegalidade do que denunciábamos, o efecto final da sentencia vai ser o mesmo que pretendíamos desde o Concello de Mos”.
O TSXG expón que o motivo da desestimación do recurso de apelación interposto polo Concello de Mos non é máis que unha cuestión meramente formal baseada en que a administración local mosense “non ten facultades para alzarse fronte a actuacións que repercutan na esfera patrimonial dalgúns dos veciños do municipio por máis que poidan ser ilegais, nin exercitar accións en defensa dalgún grupo de veciños, para o que non ostenta lexitimación”. Así, Mos interpreta que se fosen os propios veciños afectados os que tiveran presentado o recurso, este si sería estimado.
Para Arévalo, a letrada deixa “moi claro” que non comparte “o acordo de 17/01/14 polo que se ditaba que non se discriminaba de forma negativa aos viaxeiros que non estaban empadroados no municipio de Vigo” e establece a esixencia de que a utilización do transporte de viaxeiros “non pode ser discriminatoria, como tampouco poden introducirse discriminacións por razón do territorio ou da residencia (artículo 82 da lei galega)”, polo que rexeita “calquera tarifa que diferencie a uns usuarios de outros en razón ao lugar onde residan”.
Mos salienta que o tribunal insiste en que “non pode compartir esta sala o matiz que introduciu o xulgador de instancia negando a discriminación ante o feito de que os veciños de Mos paguen a tarifa ordinaria”, apuntando que “supón un trato desfavorecido e discriminado” e destacando a “improcedencia das vantaxes tarifarias en razón ao lugar de empadroamento”. Por último, aclara e establece que ademais “é a concesionaria a que debe soportar a operación sen que as arcas municipais do Concello de Vigo deban realizar aportación algunha” polo que o argumento do alcalde vigués, Abel Caballero, de que a redución de tarifas para os veciños de fóra de Vigo gravaría aos vigueses, é mentira.
“En definitiva e o máis importante que se deriva desta sentencia”, concluíu Arévalo, “é que o alcalde de Vigo non poderá retomar a taxa discriminatoria para os usuarios de fóra da cidade como pretendía”.