Vigo acolleu este sábado unha gran mobilización pola vivenda que foi secundada por outras moitas vilas e cidades. En Vigo saiu da Praza dos Cabalos para percorrer as rúas da cidade olívica ata o cruce de Policarpo Sanz e García Barbón. Alí, leuse o manifesto coas problemáticas para o acceso á vivenda que cada vez teñen máis persoas, así coma as reivindicacións para revertir esta situación de urxencia. Insisten en que non se trata dun problema aillado, senón que existe na actualidade unha situación de emerxencia habitacional na actualidade.
Os organizadores indican que os prezos desorbitados dos alugueiros impide a moitas persoas acceder a unha vivenda. «Iso contanto que atopen algunha, xa que é evidente a falta de oferta de vivendas, a pesares das 21.000 vivendas baleiras na cidade», apuntan. Además engaden que a inexistencia dun parque público de vivenda deixa a máis de 5.700 persoas en situación de vulnerabilidade sen opción a acceder a unha vivenda, o que conleva a un aumento das persoas sen fogar.
Ademáis, indican no manifesto, a desprotección xurídica dos contratos de tempada son usados polos rentistas para reducir os dereitos das inquilinas, que xa atopan suficientes dificultades para acceder á vivenda. Contratos con requisitos imposibles e garantías adicionais que lles obriga a facer fronte a seguros de impago, avais abusivos e dispor de altas nóminas.
Reivindicacións ante medidas gubernamentais claramente insuficientes
Manifestan que a especulación converteu o dereito á vivenda nun negocio duns poucos, e propoñen actuar con contundencia. Primeiramente coa baixada dos alugueiros e a regulación dos prezos que afogan a milleros de persoas. Tamén regulando contratos de alugueiros indefinidos, cada 5 ou 7 anos os rentistas expulsan ás inquilinas para poder subir de novo os alugueiros.
Aseguran que o auxe das vivendas turísticas disminúe o número de vivendas dispoñibles, por iso, esixen frear as vivendas de uso turístico non dando máis licencias e camiñando cara a prohibición deste uso especulativo da vivenda. Tamén, para aumentar a oferta de vivenda dispoñible, reivindican a recuperación de vivendas baleiras e aumentar o parque de vivenda pública.
Os efectos sobre a vivenda do modelo turístico actual é un dos puntos nos que as organizacións convocantes fan fincapé no seu manifesto. Explican que esta fórmula ultraespeculativa da vivenda reduce a oferta de vivenda habitual e impulsa a subida dos prezos. «Actualmente, en Vigo e O Morrazo atopámonos nunha situación de emerxencia habitacional», indica Juan Medela, do Sindicato de Inquilinas Vigo-Tui-BM, unha das organizacións convocantes.
«Os prezos non deixan de marcar máximos históricos, e apenas hai oferta de aluguer, non hai vivenda pública e non a haberá no curto prazo». Segundo as convocantes esta situación vese agravada pola proliferación das máis de 2.175 Vivendas de Uso Turístico rexistradas en Vigo e máis de 1.500 no Morrazo, números ao que habería que engadir as ilegais. «As maiores damnificadas son as persoas xoves, estudantes e traballadoras, para as cais atopar un lugar digno para vivir é misión imposible, pero tamén para as persoas migrantes, e as nosas maiores, entre outras».
Para as persoas representantes das 23 organizacións convocantes desta manifestación a aposta por converter a vivenda nun negocio, nunha mercadoría coa que especular, causa un grave impacto a nivel social que agudiza a pobreza habitacional. É por iso que, tal como indican as organizadoras, «esta non é só unha mobilización, senón un paso máis na organización dun movemento que non parará ata rematar co negocio da vivenda».
Organizacións convocantes:
Sindicato de Inquilinas Vigo-Tui-BM, Foro Socioeducativo Os Ninguéns, Ecoloxistas en Acción, ADEGA (Vigo-Morrazo), Ecoloxistas Galiza «Atlántica e Verde», Verdegaia, Amnistía Internacional, Local Social Faisca, Centro Social A Revolta, A Morada S.C.G., Centro Social A Nubeira, Asociación Nós Mesmas, Avante LGBT+, Oficina de Valores Non Inventariables (OVNI), Espazo Aberto Antimilitar, Asemblea Republicana de Vigo (ARV), Rede Galega en Apoio Ás Persoas Refuxiadas, ECOAR, Sindicato de Trabajadoras del Hogar y los Cuidados (SINTRAHOCU), Central Unitaria de Traballadores (CUT), Confederación General del Trabajo (CGT), Comisiones Obreras (CCOO), Unión General de Trabajadores (UGT)