O estudantado que o vindeiro curso 2022/2023 se incorpore á UVigo poderá dispor de toda a información que precise para desenvolverse na súa nova etapa universitaria en tres xornadas de benvida que terán lugar entre os días 5 ao 7 de setembro en cada un dos tres campus.
Pontevedra será o primeiro en acoller a actividade, o luns 5 de setembro, cunha xornada que se desenvolverá das 10.00 ás 14.00 horas entre as facultades de Fisioterapia e Ciencias das Educación e do Deporte e na que o novo alumnado terá ao seu dispor información xeral sobre os seus dereitos e deberes, a tarxeta universitaria, aloxamento, transporte, bolsas, mobilidade, emprego, cultura ou deporte, así como de servizos específicos como a Unidade de Igualdade ou o Centro de Linguas. Para o estudantado internacional celebrarase unha charla informativa e presentación dos cursos de idiomas, ademais da realización dun test de nivel de español, na Aula 06 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
“Queremos que o novo alumnado reciba toda información necesaria para desenvolverse na vida universitaria e nas xornadas de benvida poderán informarse con detalle sobre todos os servizos que ofrece a nosa universidade e tamén de recibir algún agasallo”, sinalan desde a Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade. Así mesmo, ao longo da xornada haberá música, actividades científicas e culturais, actividades deportivas e as e os asistentes poderán disfrutar de xeados e bebidas.
As xornadas de benvida continuarán no campus de Ourense o martes día 6 e en Vigo o día 7. No caso de Ourense, a actividade xeral terá lugar entre as 10.00 e as 14.00 horas na praza do Monumento Nós, diante da biblioteca universitaria Rosalía Castro, mentres que o estudantado internacional está citado ás 10.00 horas na aula magna da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.
O campus de Vigo acollerá a súa particular xornada de benvida o mércores 7 de setembro na praza Miralles, onde, entre as 10.00 e as 14.00 horas, o novo alumnado recibirá toda a información que precise para afrontar o curso. Pola súa banda, o estudantado internacional reunirase ás 10.00 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.