Nais e pais da ANPA Alfonso Rodríguez Castelao, en desacordo co mapa escolar de Vigo, acordaron este xove celebrar unha manifestación de protesta este venres, 5 de outubro, ás 18:00 horas, desde a rúa Ufas (CEIP Castelao), ata o IES Alexandre Bóveda.
«Por unha adscrición xusta para o CEIP Castelao». Este será o lema da convocatoria coa que as familias viguesas pretenden demostrar a incoherencia do mapa escolar deseñado pola Xunta de Galicia.
Así, o percorrido que farán será rúa Ufas, Teixugueiras (saída pola rotonda do Eroski-Limpiño), despois rotonda da VG-20, rúa Cañiza, Porriño (IES Álvaro Cunqueiro), avenida Castelao e baixada xa pola rua Redondela, Baiona e remate no IES Alexandre Bóveda.
«Con este percorrido queremos demostrar a administración o sinxelo que sería o desprazamento que os nosos fillos farían dende o noso barrio o seu centro de secundaria máis próximo. En lugar de adscribilos a outro a 10 km dos seus fogares», sinalan desde a Anpa. Tanto os nenos como os mairoes irán vestidos de vermello coa camiseta do Castela.
Xa o pasado mes de setembro, desde o Concello de Vigo reclamaron a administración autonómica que poña solución aos problemas da zonificación escolar na cidade, xa que centos de nenos deben percorrer moitos quilómetros. “A Xunta ten que redistribuír aos alumnos con racionalidade e atendendo a criterios de proximidade, tendo en conta tamén a idade do alumnado que se despraza, de entre 11 e 12 anos, e a relación que ten que haber entre centros”, explicaba entón o concelleiro Carlos López Font.
Font apuntou que a través do Consello Escolar Municipal, o goberno local xa solicitou cambios na zonificación e tamén ofreceu terreos no PAU de Navia para a construción dun novo centro escolar que evite o desprazamento de alumnos. Tamén explicou que persisten os problemas co transporte, posto que tres centros (Mosteiro, Paraixal e Eduardo Pondal) non teñen cobertura da administración autonómica e unicamente reciben axudas do Concello.