A asociación observa “con preocupación” como este tipo de negocios estanse a abrir masivamente na cidade. Segundo a súa portavoz, María Pillado Fernández, “a ubicación desta casa de apostas é especialmente problemática ao estar situada entre dous parques infantís, fronte ó INEM e a asociación Cogami, e próxima á ESAD ou á sala de lectura que abrirá en breve, nun barrio coma o noso onde a poboación é nova e case un terzo da mesma é menor de idade”.
Segundo os datos demográficos da área de estatística do Concello de Vigo, só na zona de Teixugueiras habitan na actualidade preto de 9.500 persoas. Desa cifra, case 3.300 persoas atópanse nas franxas de idade inferiores a 21 anos.
É ese grupo poboacional o que máis preocupa aos impulsores da mobilización, ao entender que nun barrio cunha taxa tan elevada de poboación infantil e xuvenil a presenza deste tipo de negocio “é unha bomba de reloxería que pode prexudicar gravemente o desenvolvemento psico-social das persoas menores, xerando problemas de adicción e outros derivados da mesma (furtos, roubos, etc)”.
Dende a Asociación Galega de Xogadores de Azar (AGAJA), advirten que nos últimos anos medrou enormemente o número de persoas menores atendidas por problemas co xogo. En cifras, sinalan que das 80 consultas mensuais que reciben, unha media de 20 correspóndense a menores de idade. A asociación apunta tamén que a idade media da persoa afectada de ludopatía viuse reducida dos 40 aos 25 anos.
Así, os colectivos convocantes reclaman medidas para un maior control de actividades relacionadas co xogo. Estas pasarían por prohibir en toda España a publicidade do xogo a través de calquera soporte, incluídos os patrocinios, e impedir que se poidan ofrecer bonos gratuítos para as primeiras apostas.
Así mesmo, reclaman un decreto autonómico para paralizar a apertura de novas casas de apostas mentres non se aproba unha Lei do Xogo moito máis restritiva que a actual, limitando zonas de apertura.
Igualmente, esixen ao Concello de Vigo que tome “todas as medidas necesarias para facer cumprir a lei, así como o que estea da súa man en materia de control de acceso ou horarios de apertura coa vixilancia que sexa necesaria para protexer a nosa mocidade”. Neste sentido, cabe lembrar que o alcalde comprometeuse a revisar a fondo a documentación que presente a empresa e lamentou non poder facer nada se esta cumpre a normativa.
Por todo isto, a Asociación Veciñal Novo Vigo e o resto de colectivos fan un chamamento á cidadanía para que se sume á mobilización deste martes. Do mesmo xeito, os convocantes sinalan que continuarán con novas accións reivindicativas “ata que as institucións tomen cartas no asunto” e se poñan limitacións a esta “lacra” que “golpea aos barrios máis desfavorecidos”.