O grupo municipal da Marea de Vigo criticou este venres a actitude mostrada polo alcalde, Abel Caballero, durante a apertura da nova tenda de Primark na cidade. O rexedor participou activamente na inauguración do establecemento situado no centro comercial Vialia. As imaxes incluso se fixeron virais nas redes sociais polo énfase amosado e polo discurso pronunciado, con algunhas frases en inglés.
A formación cualificou de “humillante” para centos de negocios, algúns traspasados de xeración en xeración e “pendentes de un fío”, ter que ver a “un alcalde axitando a bandeira dunha cadea multinacional que seguro vai dar a finiquito a ducias de negocios familiares na nosa cidade”. Así o considera o voceiro do partido en Vigo, Rubén Pérez. “Non está o comercio de Vigo para ver ao alcalde axitando bandeiras de grandes cadeas”, engade.
O grupo municipal entende que “un alcalde ten que ter certa mesura, toda vez que é manifesta a inoperancia absoluta en implantar medidas de apoio ao comercio local, limitándose a financiar actuacións en vía pública con nulo impacto no comercio”.
Marea de Vigo xa trasladara esta denuncia mediante unha moción ao pleno, xa que “ningunha medida foi tomada a pesar de ducias de reunións entre representantes do sector, varios escritos e mocións da oposición, amplos consensos políticos na Corporación Municipal, horas e páxinas nos medios locais anunciando grandes actuacións”. “A evidencia é que a día de hoxe non existe ningunha medida concreta máis aló do aprazamento de pago de impostos municipais (que supoñen menos do 10% do gasto contable dun comercio medio na nosa cidade) e de afirmar que se seguirá coa rebaixa da taxas das terrazas que dende hai anos xa se ven aplicando na cidade”, incide Pérez.
A formación segue considerando que Vigo non explorou aínda medidas con bo resultado que se tomaron en moitos municipios do Estado e de Galicia. Medidas que foron dende habilitar liñas de axuda directas para o mantemento da actividade comercial, á adquisición de equipamento de protección e seguridade de traballadores e traballadoras e clientes “e mesmo a colaborar nos custes dos negocios (alugueiros, consumos, seguros, etc…) así como a exención da taxa de lixo aos comercios, bonos desconto para mercar no comercio local e de proximidade, ou a anunciada plataforma de venta online a iniciativa do propio Concello”, engade Pérez.