«Non sabemos se hai algún tufillo político, como quixo insinuar de maneira maledicente o alcalde para intentar deslexitimar as queixas veciñais, o que si vemos é unha evidente peste antidemocrática e un nulo talante á hora de escoitar as demandas das viguesas e dos vigueses». Así manifestou este venres o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, sobre as protestas na rúa Rosalía de Castro polo ruído das atraccións e a resposta do alcalde.
O Bloque Nacionalista Galego reclama a Abel Caballero que atenda as recentes queixas veciñais polas molestias ocasionadas por algunhas instalacións do Nadal. A fronte nacionalista censura a actitude «desprezativa e autoritaria» do goberno municipal e esixe que se actúe con respecto e responsabilidade, garantindo o cumprimento escrupuloso das normativas.
Desde o Bloque tacharon de «irresponsábel» a resposta do alcalde diante dos problemas denunciados, por negalos ou enfadarse por quen os formula. «O Nadal da cidade non pode instalarse na lei da selva, nin podemos aceptar que se presenten como inimigos de Vigo a aquelas veciñas e veciños que están trasladando algunhas molestias», valorou Igrexas.
Normas de seguridade
A fronte nacionalista requeriu que se realicen as comprobacións necesarias para asegurar o cumprimento estrito das normas de seguridade e ruídos e, por tanto, que se garanta a convivencia e o dereito ao descanso, en particular na contorna da rúa Rosalía de Castro. «O que non pode ser é que esta política, que aposta na privatización do espazo público para instalar elementos de feira, acabe traducíndose en problemas para a veciñanza».
Cíes Market na Alameda
O concelleiro nacionalista cualificou de «impúdica» a actitude do goberno local na súa xestión do nadal de Vigo. «Vemos como converten a Alameda, un xardín que está catalogado e protexido, en apenas un espazo feiral, como o goberno de Abel Caballero incumpre de maneira flagrante a ordenanza municipal de medio ambiente transformando o arborado da cidade en postes para instalar luces», denunciou Igrexas, que rexeitou a idea de «reducir a cidade a unha especie de grande parque temático, que só quere satisfacer a megalomanía do propio alcalde».