O Concello de Vigo sacou adiante este xoves diferentes proxectos de humanizacións, convenios de obras coa Deputación de Pontevedra e licitacións para dotar de beirarrúas a varias rúas do rural. Con este paso actívanse a contratación dos traballos, que previsiblemente serán adxudicados antes de que remate o ano e suman un investimento de 5,4 millóns de euros.
O primeiro deles, no tramo na rúa Taboada Leal que discorre entre Venezuela e Ronda de Don Bosco, ten un importe de 594.000 euros, dos que a Deputación achega 280.000 e o Concello 314.000 euros. Neste caso, está previsto que as obras comecen entre novembro e decembro se non se paran polas festas de Nadal.
O segundo proxecto é o da rúa Serafín Avendaño, entre Areal e Rosalía de Castro, cun orzamento de 300.000 euros, dos que o ente provincial achega 216.000 euros. O terceiro é a humanización de Hispanidade, entre as rúas Zamora e Pintor Colmeiro, cun importe de 810.000 euros, 640.000 financiados pola Deputación de Pontevedra.
Ademais, quedou aprobado o proxecto de humanización de García Barbón, entre Rosalía de Castro e Isaac Peral, cun orzamento base de licitación de 2.197.000 euros. Neste caso, trátase da modificación do proxecto, que tivo que ser retocado ao impedir Patrimonio o traslado do Monumento ao Traballo desde a Gran Vía.
O Goberno de Vigo tamén deu o seu visto e prace aos proxectos de reforma e inclusión de beirarrúas na Primera Travesía de Guixar-Teis (45.600 euros), Estrada do Freixo-Valadares (275.000 euros), Camiño do Laranxo (136.000 euros), Rúa dos Foxos-Teis (56.000), Rúa dos Curros-Lavadores (90.000 euros), Rúa Subride (154.000 euros ), Rúa do Areeiro (154.000 euros), Rúa das Fontáns (59.000 euros), Praza Feira (152.000 euros), Camiño Brea Beade (227.000 euros), Rúa Costa Gándara (163.000 euros).
Outros asuntos
O Concello aprobou igualmente o proxecto de cubrición do patio do CEIP Pintor Laxeiro por 185.000 euros e o proxecto básico e de execución para a impermeabilización das cubertas do edificio do Centro Veciñal e Cultural de Valladares por 120.000 euros.
Do mesmo xeito, adxudicouse a contratación dos servizos auxiliares para reactivar a sala de estudo de Navia por 70.100 euros. A previsión é que entre en funcionamento a mediados de outubro.