O alcalde acudiu esta mañá ao acto de constitución do xurado do concurso de ideas para o “gran ascensor” que unirá García Barbón con Vía Norte. Trátase, explicou, de conectar a zona baixa e a zona media de Vigo, nunha nova cultura da mobilidade nas cidades máis avanzadas do mundo e, en Vigo, unha cidade cunha orografía moi complexa.
Son sete as propostas entre as que terán que elixir unha gañadora os membros do xurado, formado por técnicos municipais, técnicos da Deputación de Pontevedra, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e Axencia Galega de Infraestruturas, así como representantes dos colexios profesionais de Arquitectos e Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos. O primeiro premio recibirá 70.000 euros, ademais de redactar o proxecto de execución e asumir a dirección facultativa das obras por un prezo de 415.000 euros. O segundo e terceiro clasificados recibirán 40.000 e 30.000 euros, respectivamente.
A finalidade do concurso, engadiu Caballero, é propoñer unha solución de acceso que permita mellorar a mobilidade transversal entre un gran polo da cidade, como é o eixo de García Barbón e Rosalía de Castro, co Centro Vialia e a zona de Urzáiz e Vía Norte. O presuposto aproximado para a execución das obras é de 7,2 millóns de euros. Caballero insistiu en que os criterios de selección do concurso son a sustentabilidade medioambiental e a eficiencia enerxética, a avaliación arquitectónica, e a avaliación técnica, económica e funcional.
A proposta seleccionada debe cumprir cos obxectivos da Axenda Urbana Española, de forma que favoreza a mobilidade sostible marcado no Obxectivo Estratéxico 5, que favoreza tamén a cidade para o peón e os modos de transporte, e que posibilite a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) definidos na Axenda 2030.