Carreira apelou a «sumar en positivo co BNG fronte ao fracaso das forzas políticas estatais», criticando que nos últimos catro anos se teñan realizado catro eleccións e que se mantivesen practicamente intactas as reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións, a LOMCE ou a Lei Mordaza.
Aliás, o candidato nacionalista denunciou a «total invisibilidade» de Galiza na axenda política española por causa de carecer o noso País dunha representación «de seu, soberana e sen máis subordinación nin dependencia que aos intereses dos galegos e das galegas». Nese sentido, o exconcelleiro en Vigo, puxo en valor que a candidatura do Bloque é unha «candidatura de País» e a única «netamente galega na súa práctica», e reivindicou a traxectoria do BNG nas cortes españolas.
Acabar co abandono de Vigo
Pola súa parte, o portavoz municipal do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, criticou a «farsa» na que volven incorrer as forzas estatais ao falar das necesidades de Vigo. «Vemos dun lado a quen quere presentar a Pedro Sánchez como o presidente que máis fixo por Vigo malia non ter feito practicamente nada, e doutro a quen até hai nada calaba os incumprimentos dos seus gobernos en Madrid con Vigo e con Galiza esixir o que antes non pedían», manifestou en alusión aos dirixentes locais de PSOE e PP.
«A defensa de Vigo non pode estar condicionada pola cor política de quen ocupa a Moncloa», reclamou, comprometendo que «o BNG sempre defendeu os intereses desta cidade gobernase quen gobernase e volveremos facelo». O edil nacionalista afeou tamén o que cualificou de «propaganda e fume» por parte do PSOE en relación ao tratamento que recibe a principal cidade de Galiza por parte do Goberno do Estado. «O compromiso con Vigo non son nin fotos, nin declaracións, nin convenios de papel mollado. O compromiso con Vigo onde se tiña que demostrar era no BOE, e estes anos vimos que cos gobernos do PP e do PSOE a cidade ficou desatendida», remachou.
Igrexas enumerou algunhas das cuestións de cidade que foron «reiteradamente ignoradas» polo executivo español. Entre outras citou a non prolongación da A52, a falla de conexión ferroviaria do porto de Vigo coa Plisan, que non se apostase por desenvolver o potencial de Peinador -con mellores accesos e cunha área loxística-, a falla de investimento para completar a rexeneración integral da Ría ou a «eterna tomadura de pelo» cos prazos de chegada do AVE ou a inexistencia de vontade para poñer en marcha a saída Sur que conecte a cidade con Portugal.
Aliás, denunciou a «deliberada inacción» diante da grave crise laboral e produtiva que vive a cidade e a súa área. A este respeito, Igrexas asegurou que «co BNG de novo no Congreso haberá dunha vez por todas unha voz firme para esixir que se declare a construción naval sector estratéxico, para poder despregar a necesaria intervención pública que garanta a súa continuidade, ou a posta en marcha dunha tarifa eléctrica industrial galega que, como xa sucede en Euskadi, permita ao noso tecido produtivo competir con menores custes enerxéticos e non a costa de baixos salarios e precariedade».
O concelleiro do Bloque subliñou que a experiencia histórica acredita que «cada vez que o BNG tivo un voto determinante no Congreso logramos obrigar o Goberno español a investir máis en Vigo e en Galiza», citando por exemplo a EDAR do Lagares ou o aumento das partidas destinadas ao AVE que fican «conxeladas desde a perda do escano do BNG en Madrid». Igrexas contrastou ese compromiso «real e non de palabra» das nacionalistas co feito de que PSOE e Unidas Podemos quixesen aprobar uns orzamentos xerais do Estado que lle quitaban a Galiza «2 de cada 10 euros de investimento» .
Chamamento ao voto
Tomando como referencia os inquéritos que coinciden en sinalar as opcións reais de que o BNG logre representación na cámara baixa, Igrexas fixo un chamamento explícito ás viguesas e vigueses a facer posíbel que a presenza do BNG sexa decisiva. «Se as viguesas e os vigueses suman os seus votos no BNG non só garantiremos que Vigo e Galiza volvan ter voz propia no Congreso senón que podemos lograr que sexa máis dunha voz», enfatizou aludindo á posibilidade obter tamén un escano pola circunscrición de Pontevedra, para o que os votos da cidade serán «decisivos».