O Bloque Nacionalista Galego expresou o seu desacordo coa decisión do Goberno municipal de Vigo, anunciada por sorpresa na tarde de onte, de estender o peche dos parques infantís da cidade deixando apenas 15 dos máis de 140 abertos.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de «irresponsábel e inxusta» esta medida. «É irresponsábel porque o único que vai provocar é unha maior concentración de crianzas e familias nun menor número de instalacións, na liña contraria do recomendan as autoridades sanitarias», explicou. E tamén inxusta, para Igrexas, «porque volve castigar as crianzas cunha decisión arbitraria que non ten máis xustificación que xogar ao ‘canto peor mellor’ e utilizar esta cuestión na lea permanente coa Xunta de Galiza».
O edil nacionalista lembrou que o BNG apoiou «todas e cada unha» das iniciativas e mocións do PSOE a nivel municipal reclamando que a Xunta transfira os recursos necesarios para atender as necesidades extraordinarias derivada da Covid. «Concordamos co Goberno municipal en denunciar que a Xunta de Feixóo está a secuestrar recursos que lle teñen sido transferidos polo Estado sen llos facer chegar os concellos galegos, entre eles os de Vigo, no entanto non podemos compartir esta decisión», acrecentou.
Para a fronte nacionalista o feche da práctica totalidade dos parques infantís, poucos días despois de que o propio BNG reclamase a reapertura dos mesmos, evidencia «o desleixo e a incapacidade de xestión dun Goberno municipal que o pasado mes de outubro anunciaba un peche parcial e temporal mentres non se puña en marcha o novo contrato». Aliás, Igrexas reitera a inoportunidade da clausura toda vez neste momento «son máis necesarios do que nunca espazos para o lecer ao ar libre».