Tras a xuntanza, Iolanda Veloso anunciou que se porá en contacto cos portavoces do resto de partidos con representación municipal co obxectivo de que no pleno do vindeiro luns a corporación aprobe como declaración institucional de todas as forzas políticas a moción remitida pola plataforma de afectados. «Pensamos que non debe ser a reclamación dun só partido, senón de toda a corporación», asegurou.
A voceira nacionalista agradeceu ás integrantes da plataforma a súa asistencia á xuntanza e manifestoulles o apoio do BNG ás persoas que «sofren da maneira máis cruel os recortes na sanidade pública». «Están reclamando un dereito que nós apoiamos totalmente», engadiu ao tempo que expresou a súa confianza en que os gobernos central e da Xunta tomen xa unha determinación para que estes pacientes poidan recibir os seus tratamentos.
Serafín Otero destacou que «debemos esixir un mínimo de sensibilidade das administracións e que se poña freo ao negocio das farmacéuticas». Por outro lado, alertou de que esta situación tan grave pola que atravesan os afectados pola hepatite C xa se está producindo tamén nos pacientes oncolóxicos. «Nós esiximos unha sanidade pública que estea ao servizo da xente», subliñou.
Demanda de información e transparencia
A portavoz da plataforma, tras agradecer a disposición do BNG a manter a xuntanza e escoitar as súas reclamacións, destacou que como pacientes esixen información veraz e transparencia. «Queremos saber que percorrido ten o circuito dos nosos expedientes», manifestou Xulia Alonso, quen tamén sinalou que queren saber quen son os profesionais que teñen a posibilidade de revisar a posición clínica dos nosos especialistas.
A preguntas dos xornalistas explicou que en Galicia son aproximadamente 3.000 as persoas afectadas, pero aclarou que desde a plataforma non solicitan a aplicación do tratamento, senón que reclaman que lles apliquen a medicacións que lles pautan os seus respectivos profesionais. «Parécenos lamentable que habendo medicación que cura esteamos vivindo esta situación», manifestou.