«Desde o BNG apostamos polo comercio local, tradicional, de proximidade fronte a un PP que actúa como cabalo de Troia das multinacionais do sector e usa e abusa da lei para implantar grandes superficies comerciais», declarou o Luís Bará. O deputado nacionalista reiterou o rexeitamento da fronte nacionalista aos proxectos de Porto Cabral ou o grande centro comercial que o Celta pretende instalar en Mos.
Pola súa banda, Xabier P. Igrexas, demandou que o Concello de Vigo promocione o comercio local «o que vertebra a cidade, dinamiza os nosos barrios e crea emprego estábel» para alén de actuacións puntuais. Neste sentido, o candidato do BNG á alcaldía, reclamou que se declare Vigo «cidade saturada de grandes áreas comerciais» e se aplique unha moratoria de dez anos na concesión de novas licenzas para estes estabelecementos. «Se algo temos de sobra en Vigo son grandes centros comerciais, que xa demostraron que só serven para destruír o tecido comercial local e emprego, e que só benefician a grandes corporacións empresariais», defendeu.
Igrexas propuxo ademais a rebaixa da fiscalidade municipal para o pequeno e mediano comercio e que o Concello de Vigo «despregue campañas de promoción durante todo o ano». O candidato nacionalista demandou tamén a revitalización dos mercados municipais.