O Bloque Nacionalista Galego de Vigo e Mos veñen de realizar unha acción simbólica en Puxeiros, despregando unha faixa co lema «A-55 autovía segura xa!» para esixir que se corrixa o trazado «mortal» da estrada. A fronte nacionalista denuncia os incumprimentos dos sucesivos gobernos españois, de PP e PSOE, para garantir a seguridade nesta vía con elevados índices de sinistralidade e rexeita o debate «falso» que promove Abel Caballero para unha nova autovía entre Vigo e O Porriño.
«Esiximos que cumpran coa palabra dada, corrixan o trazado desas curvas absolutamente mortais e intransitábeis e garantan un paso seguro nesta infraestrutura viaria que é fundamental na conexión da cidade coa súa realidade metropolitana», demandou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que sinalou que «a situación de aberrante inseguridade é resultado do desleixo dos sucesivos gobernos españois de PP e PSOE».
Nese sentido, Igrexas criticou o debate «falso e oportunista» aberto polo alcalde de Vigo para a construción dunha nova autovía cara O Porriño. Unha proposta que, a xuízo das nacionalistas, esconde outros obxectivos. «Abel Caballero quere vestir agora de autovía a imposición do vial PO-010 co que quere tronzar ámbitos importantes do rural da nosa cidade como as parroquias de Beade e Bembrive», advertiu.
O edil nacionalista en Vigo reiterou a demanda para liberar de peaxes o conxunto da AP-9. «Para o BNG non é unha opción, é un imperativo acabar coa estafa das peaxes e apostar por unha autoestrada galega e pública. Cuestión que non impide que o Goberno español actúe xa para garantir a seguridade viaria da A-55», explicou Igrexas.
«Basta de promesas baleiras»
Na mesma liña, o portavoz nacionalista en Mos, Gustavo Barcia, chamou a cumprir cos compromisos dos Gobernos españois de corrixir o trazado da A-55, unha estrada que atravesa o concello e un dos puntos negros de todo o Estado español.»O PP e o PSOE, lonxe de achegar solucións a esta demanda histórica, o que fan é tirarse os trastos á cabeza», criticou Barcia, que pediu acabar coas «promesas baleiras» e tomar medidas para garantir a seguridade, como a construción dun túnel desde a curva dos Molinos até Vigo.
Barcia denunciou tamén o cinismo da exministra Ana Pastor, do Partido Popular, que agora urxe actuacións despois de «non ter feito nada cando estivo no Goberno».