Este acto simbólico puxo o ramo á II Semana da Patria Galega en Vigo, organizada polo Bloque e máis polas súas mocidades, Galiza Nova, con diversas actividades. Un programa que tivo unha boa participación e acollida, cunha notábel asistencia a todos os actos, o que para o BNG é un claro síntoma do carácter masivo que terá este 25X.
Serafín Otero, responsábel local do BNG, chamou á veciñanza de Vigo a se mobilizar o 25 de xullo en Compostela, participando da manifestación que desde hai 37 anos convoca o BNG con motivo do Día da Patria Galega. Otero, afirmou que «dereito a decidir é que Galiza deseñe as súas propias políticas, e isto é fundamental para en Vigo e Galiza crear emprego digno e conquistar dereitos sociais». A fronte nacionalista aposta nunha grande manifestación que permita «expresar con rotundidade que Galiza non vai continuar padecendo por máis tempo os agravios e o marco de dependencia que impoñen o Estado español e a Unión Europea». «Todas as viguesas e vigueses que acrediten en que Galiza ten dereito a ser un país libre e próspero, de oportunidades e dereitos para a súa poboación teñen unha cita o 25 ás 12h na Alameda de Compostela», enfatizou Otero.
Pola súa banda, a responsábel comarcal de Galiza Nova, Jéssica García, defendeu que «a mocidade galega precisamos decidir por nós propias, pois sen soberanía a nosa economía seguirá sen se desenvolver e a xente nova continuará a escoller entre desemprego, traballo ultraprecario ou emigración». «Vigo e Galiza precisan recuperar todo o talento da mocidade emigrada» reivindica García, para o que desde a organización xuvenil do Bloque apostan en «políticas reais pensadas desde Galiza, que avancen pola recuperación das persoas que tiveron que coller as maletas para marchar dunha Galiza arruinada polas políticas antisociais e antigalegas que impón o PP en Madrid e na Xunta».