O Bloque Nacionalista Galego anunciou que comunicará oficialmente este luns a constitución do seu grupo municipal no Concello de Vigo, integrado polos dous concelleiros e a concelleira que lograron nas eleccións municipais do pasado 28 de maio. Xabier P. Igrexas será o portavoz municipal da fronte nacionalista e Ana Martínez e Filipe Abalde exercerán como voceira e voceiro suplentes.
Así, o BNG lembra que recupera o seu grupo municipal na corporación viguesa após oito anos, tras a perda da representación en 2015 e «a imposición da condición de non adscrito» a Igrexas no pasado mandato por decisión «unilateral e ilegal» da Alcaldía.
Igrexas subliña que, para alén do simbólico, a recuperación do grupo municipal supón «un paso moi importante na normalización democrática e institucional no Concello e no respeito á pluralidade». «Ponse punto e final á aberración antidemocrática dos últimos catro anos, nos que de maneira abertamente ilegal e inxusta, o PSOE de Abel Caballero tentou por todos os medios amordazar e invisibilizar o BNG desprezando a millares de viguesas e vigueses que nos deron voz e voto no Pleno», explicou.
No anterior mandato, Igrexas foi o único voceiro municipal ao que se lle recortaron os tempos de intervención (dous minutos fronte aos cinco dos restantes portavoces) e ao que non se lle permitiu facer parte de organismos como a Xunta de Voceiros, a Mesa de Contratación ou os consellos sectoriais do Concello. Tampouco foi designado en representación do Concello en ningún padroado nin na Mancomunidade Intermunicipal da Área de Vigo.
«Foi claro o obsceno intento por parte de Caballero por intentar laminar o BNG no último mandato. Pero tamén é claro e rotundo que fracasou nese intento. Fronte a súa soberbia autoritaria e aos obstáculos que se nos puxeron, impúxose finalmente o enorme traballo realizado que nos permitiu triplicar a representación o pasado 28M sendo a forza política que máis aumentou o seu apoio social na cidade», destaca Igrexas.
Após a constitución formal do grupo municipal nos vindeiros días a fronte nacionalista abordará a definición do seu funcionamento e a organización do traballo, coa distribución de áreas e responsabilidades entre os edís, así como a planificación da súa acción política no inmediato.
Pleno de Organización
O seguinte fito no arranque do novo mandato municipal será o Pleno de Organización, no que se adoptarán decisións importantes como a configuración das Comisións Informativas de carácter sectorial, a periodicidade e data das sesións plenarias ou a designación de representantes do Concello noutros organismos. Aliás, tamén terá que definirse a dotación de medios materiais e persoais para os diferentes grupos municipais.
Igrexas, que no anterior mandato foi o único portavoz sen ningunha dedicación (nin exclusiva nin parcial), sen persoal de apoio e ao que non se lle facilitou ningún espazo de traballo na Casa Consistorial, advirte que o «marco normativo e legalidade son moi claras a respeito de que as forzas da oposición, que xogan un papel imprescindíbel no funcionamento do Concello, teñen que contar con medios suficientes que permitan desenvolver adecuadamente a súa labor».