O Bloque Nacionalista Galego vai solicitar a convocatoria extraordinaria e urxente da Comisión Informativa de Seguridade do Concello de Vigo para abordar o «caos perigosísimo» que se viviu este venres, no que a cidade ficou colapsada durante horas. Demandan que nela compareza a concelleira delegada de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que a fronte nacionalista xa solicitara hai dous meses un verdadeiro plan de tráfico e de seguridade, que incluíse medidas como a instalación de aparcamentos disuasorios e o reforzo do servizo de bus urbano con lanzadeiras desde estes para evitar que se volvese repetir, como así sucedeu, o vivido no nadal do ano pasado, con escenas como peóns atravesando túneles, retencións quilométricas durante horas e o bloqueo do transporte urbano e dos taxis.
«Caprichoso modelo de Nadal»
Para o BNG é especialmente grave o vivido onte por non se tratar dunha situación sobrevida ou inesperada. «Isto non é algo inesperado, é algo provocado por un caprichoso modelo de Nadal que sigue concentrado nunhas poucas rúas do centro e pola obsesión do Alcalde polas grandes masas de xente», denuncia Igrexas.
«O desgoberno de Abel Caballero é unha ameaza para a seguridade pública», afirma Igrexas, denunciando a falla de medidas efectivas. «Hai uns días o alcalde anunciaba 11 corredores de emerxencias, pero o que vimos onte foron ambulancias e vehículos de emerxencia que non lograban avanzar en medio do tapón de tráfico», reprocha.
Operativo de control
Desde o BNG cuestionan tamén o operativo de control de accesos nos que se puido ver a persoal voluntario de protección civil e doutras entidades privadas dirixindo o tráfico sen a capacitación necesaria e sen supervisión da Policía Local. «É de tolos pensar que dando un pito e un chaleco reflectante se pode ordenar un colapso de tráfico dese tamaño», enfatizou.
Igrexas urxe a revisión das previsións en materia de tráfico e de seguridade, unha vez confirmado o «rotundo fracaso» das aplicadas até agora, para evitar que o Nadal se converta nunha «agonía de seis semanas» que faga a cidade intransitábel, insegura e inhabitábel.