O Bloque Nacionalista Galego porá fin ao «castigo» do Concello contra a veciñanza de Teis. Así o afirmou o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, durante un acto público celebrado este sábado na Asociación Veciñal de Teis na que se comprometeu a «desbloquear» as numerosas actuacións pendentes neste barrio, cunha aposta por recuperar e desenvolver a ETEA, pola creación dunha biblioteca municipal e pola mellora «substancial» do transporte urbano.
«A veciñanza de Teis non pode seguir sendo castigada por ter a valentía de denunciar o abandono dun Goberno municipal que deixou sen gastar 436 millóns de euros neste mandato», defendeu Igrexas, que chamou a atender «dunha vez por todas» as necesidades de dotacións e servizos para poñer fin ao abandono que padecen os barrios e parroquias de Vigo.
Entre elas, salientou a aposta do Bloque por facer efectiva a devolución dun ámbito como a ETEA, pasados 20 anos da saída dos militares, para beneficio e desfrute tanto das veciñas e veciños de Teis como do resto da cidade. «Non pode ser que esta lea permanente, este continuo pimpapum entre o PSOE e o PP, teña absolutamente hipotecado o futuro da ETEA», reprochou o cabeza de lista.
O candidato do BNG comprometeuse ademais a dotar o barrio de Teis dunha biblioteca municipal, como parte da proposta nacionalista de crear unha rede de bibliotecas en todos os barrios e parroquias, continuando así o proxecto iniciado polo Bloque coa a apertura da Neira Vilas do Calvario. «Bibliotecas de verdade e non apenas salas de lectura onde non hai nada que ler, como ocorreu nos últimos anos», asegurou.
Outra das prioridades anunciadas polo cabeza de lista nacionalista pasa pola «mellora substancial» do transporte público, aumentando as frecuencias do bus urbano e deseñando un novo mapa de liñas que permita conectar aos barrios e propias parroquias entre elas ademais de co propio centro urbano.
Sobre as impresións nestes primeiros días de campaña, Igrexas valorou a boa acollida entre a veciñanza da alternativa «aberta e en positivo» do BNG que evidencia que é a forza «á alza en Vigo. «Hai moita xente en Teis e no resto da cidade que non se conforma con máis do mesmo, que sabe e que sente que Vigo merece máis».
Reapertura da piscina de Teis
O cabeza de lista do BNG estivo acompañado no acto público polo número 3 da candidatura nacionalista, Filipe Abalde, que lamentou que inda non se teña avanzado nada para reabrir a piscina municipal de Teis pasado case un ano do incendio. «É unha evidencia máis da nefasta xestión e do desleixo dos últimos anos coas dotacións deportivas da cidade», afeou. Garantiu, nese sentido, a determinación do Bloque para a reapertura urxente das instalacións así como por recuperar a piscina da ETEA, tal como vén demandando a propia veciñanza.