O BNG deu a coñecer este xoves en Vigo o acto que, co gallo do Día de Galicia, vai realizar este sábado a partir das 12:00 horas na Praza da Estrela. Este ano o Bloque organizará un “Día da Patria expansivo e descentralizado” nas sete grandes cidades pero mantendo a compostelá Praza da Quintana como simbólico lugar de encontro, cun aforo limitado a un millar de persoas. De xeito simultáneo, haberá actos nas cidades galegas para conectar de xeito telemático a través de pantalla grande con Santiago no momento en que a portavoz nacional, Ana Pontón, pronuncie o seu discurso.
No acto de Vigo, e previo á conexión coa Praza da Quintana, contarase coas intervencións de Brais Ruanova, responsábel comarcal de Galiza Nova, Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG en Vigo e das deputadas electas, Carmela González e Alexandra Fernández.
A presentación do acto de Vigo correu a cargo do responsábel comarcal do BNG en Vigo, Manuel Caride, acompañado pola responsábel de Organización na comarca, Manuela Rodríguez, e o responsábel comarcal de Galiza Nova, Brais Ruanova.
Caride sinalou que “o Día da Patria ten para o BNG un carácter tanto de celebración do día da nosa nación como de reivindicación da soberanía política para Galiza, máxime cando este ano cúmprese o centenario da celebración do 25 de xullo. Por isto animamos a todas as persoas de Vigo e bisbarra que acrediten nunha nova Galiza, inclusiva e con capacidade de decisión sobre o seu futuro, a sumarse o sábado a este acto na Praza da Estrela”.
O BNG adaptará a celebración ao contexto Covid-19 primando a seguridade sanitaria tras un proceso electoral no que a formación que lidera Ana Pontón obtivo un resultado histórico e que a militancia e simpatizantes queren festexar.