O Bloque Nacionalista Galego cualifica de «anacronismo doutra época» a participación de representantes institucionais do Concello de Vigo en actos relixiosos.
O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou a participación do alcalde, Abel Caballero, incluída na súa axenda oficial en diferentes procesións. «No BNG como organización que defende o laicismo, entendemos que a mellor maneira de garantir o dereito de toda a cidadanía de crer no que quixer, e tamén de non crer, pasa pola neutralidade e estrita separación das institucións públicas e democráticas das confesións relixiosas», afirmou.
«Respeitamos que calquera persoa, sexa concelleira ou non, poda participar a titulo persoal en calquera acto relixioso, pero entendemos que no exercicio da representación institucional da cidade non ten ningún sentido participar nunha procesión», acrecentou o candidato nacionalista.
Desde a fronte nacionalista critican tamén a decisión de seguir a destinar decenas de millares de euros de diñeiro público, do Concello de Vigo, a subvencionar as procesións de Semana Santa.
«Hai que respeitar, e por suposto respeitamos, todas as crenzas relixiosas. Mais tamén hai que respeitar as moitas persoas que lexitimamente non as temos», remachou Igrexas.