O Bloque Nacionalista Galego demandou este luns a Abel Caballero unha asignación “xusta e proporcional” de recursos para os grupos da oposición. A fronte nacionalista vén de remitir un escrito ao alcalde de Vigo para instalo a un reparto equilibrado dos medios, acorde á representatividade de cada forza, que permita o labor de fiscalización e de iniciativa política.
“Diante da posición que neste momento é de bloqueo e de falla de interlocución por parte do Goberno municipal, agardamos que de cara ao vindeiro pleno de organización, previsto para os próximos días, haxa unha rectificación que entenda que estes recursos son a garantía de poder exercermos todas as concelleiras e concelleiros os nosos dereitos fundamentais como cargos electos”, defendeu o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas.
Igrexas salientou que o labor da oposición é tan “esencial” como o do propio Goberno para o funcionamento democrático dunha institución pública como o Concello. Nese sentido, afeou que a “moi escasa disposición” do grupo de Goberno, que se limitou até o momento a facilitar de forma provisional o uso das dependencias municipais e outros asuntos menores, mais sen trasladar unha proposta para o reparto dos medios.
O portavoz nacionalista chamou a corrixir neste mandato a deriva dos últimos catro anos, nos que Abel Caballero denegou ao BNG calquera tipo de dedicación retribuída, de persoal e de espazo de traballo no Concello, concentrando case o 90% dos recursos municipais. Ademais, advertiu de que a recente decisión da Xunta de Goberno local de aumentar un 40% o persoal eventual debe traducirse tamén nunha distribución equilibrada para o resto de grupos, atendendo á vontade das viguesas e vigueses nas urnas.
Do mesmo xeito, Igrexas demandou unha asignación proporcional nos organismos municipais, como a presidencia das Comisións Informativas ou a presenza nos Consellos Sectoriais, así como nas entidades das que fai parte o Concello, como a Mancomunidade Intermunicipal, o padroado do Ifevi ou o Consorcio da Zona Franca. “Non tería xustificación en termos democráticos non comprender que o Concello non se reduce nin ao seu grupo de Goberno nin á maioría absoluta dos seus membros no Pleno”, subliñou.