O Bloque Nacionalista Galego demanda un apoio «real e práctico» á lingua galega en Vigo. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, fai un chamado a «coñeceren e leren» a obra do profesor Ricardo Carvalho Calero.
Desde a fronte nacionalista animaron a toda a veciñanza a facer uso da lingua propia de Galicia. «O mellor xeito de protexer e de poñer en valor o noso idioma é poñelo en práctica, é usalo», proclama Igrexas.
A fronte nacionalista demanda de todas as administracións públicas un maior respeito cara a nosa lingua e un maior compromiso para estender o seu uso social. «Cómpre que o Goberno español recoñeza o carácter plurinacional e plurilingüe do Estado e urxe que a Xunta do Partido Popular poña fin á súa política lingüicida e galegófoba coa que leva esmagando nos últimos once anos a nosa lingua propia» esixiu Igrexas quen reivindicou o dereito a «vivirmos plenamente no noso idioma».
Incumprimento da ordenanza municipal
No ámbito municipal o Bloque reclama, como primeiro paso, o cumprimento da ordenanza municipal de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade en 1988 e que determina que, no seu artigo primeiro que o galego é o idioma oficial do Concello de Vigo. Neste sentido, Igrexas afeou que non se atenda o recollido no seu artigo XI no que se dita que «os cargos do Concello expresaranse normalmente en galego nos actos públicos celebrados en Galiza, sempre que a intervención sexa por razón do propio cargo».
«Non podemos entender nin aceptar o desprezo diario contra o galego que practican altos responsábeis do Goberno municipal, a principiar polo alcalde, que nas súas comunicacións públicas, nas súas roldas de prensa ou nas súas intervencións exprésanse só en español», criticou o edil nacionalista. «O galego non é unha lingua cerimonial para usala apenas nas sesións plenarias, onde por certo segue habendo portavoces que non respeitan esta ordenanza», remachou.
«Para alén do retórico o compromiso coa lingua galega se ten que materializar na práctica diaria», sentenza Igrexas facendo un chamamento a secundar a convocatoria da Plataforma Queremos Galego de accións nos balcóns e nas redes sociais este domingo.