O Bloque Nacionalista Galego demandou este luns ao goberno municipal de Vigo a elaboración dun “verdadeiro plan de mobilidade e seguridade” para os meses de Nadal, co obxectivo de evitar que se repita o “caos insoportábel e inseguro” vivido o pasado ano na cidade olívica.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu a necesidade dun plan “que evite as retencións quilométricas con atascos insoportábeis en diferentes puntos da cidade”. Considera igualmente fundamental que se adopten medidas para garantir o tránsito áxil dos vehículos de emerxencia, especialmente ao ter que acudir ou atravesar a zona centro, evitando que se volvan repetir os atrasos de até 20 minutos de media que os propios profesionais das emerxencias sanitarias denunciaron o ano pasado.
Ademais, Igrexas volveu reiterar a necesidade de que se prevea a instalación de aparcamentos disuasorios e a posta en marcha de lanzadeiras de bus urbano para evitar que as aglomeracións de visitantes, sobre todo en fin de semana, “se convertan nun calvario e para non volver vivir situacións gravísimas como ver decenas de vehículos aparcando en túneles”.
Por último o nacionalista reclamou que se garanta a seguridade viaria e nomeadamente o tránsito peonil das persoas, “evitando as masificacións que provoca un deseño caprichoso” do Nadal por parte do propio goberno municipal.
“Estamos a 9 de outubro e por iso cremos que non pode haber escusas. O goberno de Abel Caballero ten que deseñar un operativo municipal que evite que o seu nadal converta un ano máis a cidade de Vigo nun parque temático inseguro e inhabitábel”, resumiu o portavoz municipal nacionalista.
Desde o BNG trasladan a proposta concreta de que se convoque o anunciado comité do Nadal, pero coa presenza tanto da veciñanza do centro como sobre todo de representantes dos servizos de emerxencias sanitarias, bombeiros, protección civil, Vitrasa, das cooperativas de taxi e da Policía Local.