O Bloque Nacionalista Galego vén de reiterar este martes no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo a solicitude de acceso a todos os expedientes das licenzas urbanísticas que non se tramitaron pola suspensión automática que impón a lei durante a tramitación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), así como de todos os informes que emitiu o secretario xeral sobre estas licenzas. En total son preto de cen expedientes.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, manifestou que o fan “despois de que o goberno municipal insista en vulnerar os meus dereitos fundamentais como concelleiro ao non atender a solicitude que formalicei o pasado día 13 ao abeiro do Regulamento Orgánico do Pleno”.
Igrexas explicou que esta solicitude está motivada en que “queremos coñecer con todo detalle esas preto de 100 licenzas pendentes que en apenas 20 días, a partir do vindeiro día 16 de outubro, poderán tramitarse grazas ao acordo de ampliación de prazo para aprobación provisional do novo Plan Xeral, imposto no pleno de onte pola maioría absoluta do PSOE”. “Licenzas que sabemos nalgúns casos afectan a ámbitos de especial protección ou de primeira liña de litoral e que non poderían outorgarse baixo ningún concepto co novo PXOM”, acrecenta.
Para as nacionalistas é claro que a opacidade responde a que “hai moito que esconder”. “O goberno de Abel Caballero non quere que a cidade saiba quen se vai beneficiar desta nova porta de atrás para uns poucos, dentro do urbanismo á carta no que insiste unha e outra vez a concelleira María José Caride”, enfatizou o portavoz municipal nacionalista.