O Bloque Nacionalista Galego denunciou este martes que o Concello de Vigo deixou 23 colexios públicos sen persoal municipal de portaría e vixilancia desde o pasado 1 de decembro. A fronte nacionalista esixe ao concelleiro de Educación, Gorka Gómez, que actúe para corrixilo con carácter urxente debido ao «grave prexuízo» que supón esta eiva para o funcionamento dos centros.
«Esta situación inaceptábel está obrigando ao profesorado e ao persoal de dirección dos diferentes colexios públicos a teren que asumir, de maneira improvisada, precaria e como sobrecarga, as funcións propias de conserxaría», subliñou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que chamou a tomar desde o Concello todas as medidas necesarias para garantir no inmediato a reposición deste persoal esencial.
O candidato nacionalista afeou que nin a comunidade educativa nin os centros afectados teñan unha previsión oficial para a volta deste persoal de portaría e vixilancia. Nese sentido, cuestionou que o goberno de Abel Caballero estime solucionar esta carencia dentro de tres meses, en febreiro, prazo trasladado de maneira informal aos propios centros de ensino.
«Non podemos permitilo, menos nun contexto de pleno inverno onde temos que asegurar o correcto funcionamento dos sistemas de calefacción e o debido mantemento das instalacións», reprochou Igrexas.