O Bloque Nacionalista Galego denunciou este martes que o Concello de Vigo ten pendente de executar 219 prazas das aprobadas nas Ofertas de Emprego Público (OEP) correspondentes aos exercicios 2017, 2018, 2019 e 2020. Desde a fronte nacionalista critican que o Goberno municipal inda non teña elaborado a proposta de OEP para o presente ano 2021 e urxen a que se reforce a Área de Persoal do Concello que, segundo afirman, está colapsada por falla de medios humanos. Ademais, demandan ao alcalde, Abel Caballero, que presione o Goberno español para derrogar a taxa de reposición cero imposta polo Partido Popular no conxunto das administracións públicas.
«Estes días o Goberno municipal de Vigo anunciaba a bombo e platillo que se ían realizar probas para 32 prazas pendentes da OEP de 2014, pero o que non dixeron é que o Concello de Vigo ten pendentes outras 219 prazas desde 2017″, explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. Unha situación que, para o nacionalista, evidencia «o desleixo e total abandono co que o Goberno de Abel Caballero xestiona o persoal do Concello, sabendo que non cubrir esas prazas supón peores condicións para o servizo que se lle presta á veciñanza».
O portavoz municipal nacionalista reclamou á concelleira de Persoal, Elena Espinosa, que «deixe as dilacións e as escusas e comece a exercer as súas competencias executando o cento por cento das OEP xa aprobadas». Por outra banda, desde o Bloque afean que o Espinosa non teña tampouco iniciado o proceso para a elaboración da nova OEP para este 2021, cando o orzamento municipal xa leva máis de tres meses en vigor.
«En lugar de seguir apostando por privatizar o Concello, a través de externalizacións e contratación de empresas privadas, o que hai é que reforzar a administración municipal como mínimo con todas as prazas xa aprobadas, a sabendas de que non será suficiente», enfatiza o edil. Neste sentido, Igrexas interpelou directamente o alcalde da cidade, Abel Caballero para que faga valer a súa pretendida influencia sobre a Moncloa para poñer fin ás restricións na contratación de persoal público impostas polos executivos do Partido Popular. «Xa que Caballero presume cada semana de ter liña directa co presidente do Goberno, e gábase de falar case a diario con ministros e ministros, o que lle pedimos desde o BNG é que utilice esa capacidade de interlocución para reclamarlle que boten abaixo dunha vez a taxa de reposición cero», indicou.