O Bloque Nacionalista Galego denunciou este xoves un novo vertido «potencialmente contaminante» no río Lagares. Produciuse o pasado martes nas inmediacións de Severino Cobas, en Lavadores, con presenza de augas moi turbias das que se descoñece a súa orixe. A fronte nacionalista denuncia que «son xa numerosos, demasiados, os puntos nos que se rexistra de forma recorrente estas verteduras de augas sen tratar» no curso fluvial.
O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, reiterou que «é necesario, é imprescindíbel, que o Goberno municipal de Abel Caballero actúe con determinación para protexer o elemento de enorme valor ambiental que representa o Lagares».
«O río Lagares é o verdadeiro pulmón azul e verde da nosa cidade e cómpre que o goberno municipal dedique máis medios para a súa protección e conservación e combater os vertidos ilegais despregando un compromiso real coa sustentabilidade, na certeza de que o futuro de Vigo só pode ser verde», acrecentou.
O nacionalista sinalou que existen solucións tecnolóxicas que permitirían monitorizar en tempo real o estado do río para evitar que siga sendo usado como un «gran sumidoiro» e para identificar ás persoas ou empresas responsábeis destas verteduras e actuar con contundencia.
Nese sentido, Igrexas demandou que se reinicie o proxecto para dotar o río dunha rede de telecontrol e vídeovixilancia, similar á impulsada por iniciativa nacionalista durante a súa etapa no goberno municipal e que leva moitos anos sen funcionar por causa do desleixo e do abandono do propio Concello de Vigo.