O Bloque Nacionalista Galego insta o Concello de Vigo a corrixir os sinais viarios onde figuran topónimos deturpados en diferentes ámbitos da cidade.
Así o demandou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, na última Comisión Informativa de Normalización Lingüística, sinalando que se debe dar cumprimento á normativa legal que obriga a respeitar as denominacións xenuinamente galegas dos lugares.
«Vemos como seguen a manterse sinais viarios onde se indica ‘Orense’ ou ‘Bayona’, na avenida do Arquitecto Palacios, ou ‘San Andrés de Comesaña’, na PO-552, ou a reiterada utilización de ‘Valladares’ ou ‘Bao’, en lugar dos seus topónimos correctos», denunciou o portavoz municipal nacionalista.Igrexas lembrou o esforzo feito durante anos por diferentes entidades e institucións, entre elas o servizo de Normalización do propio Concello de Vigo, para a recuperación e posta en valor da toponimia e microtoponimia local. «O desleixo municipal nesta cuestión só responde ao desprezo do actual Goberno co noso idioma», denunciou.