O Bloque Nacionalista Galego vén de instar ao Goberno municipal a que reinicie os traballos de desinfección e adopte as medidas necesarias para proceder, á maior brevidade, á reapertura segura dos 74 parques infantís fechados na cidade de Vigo desde o pasado mes de outubro.
O concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, entende que non ten sentido manter esa restrición cando xa se ten iniciado a desescalada na hostalaría e polo efecto masificador que provoca nos restantes parques abertos da cidade. Neste sentido, Igrexas, chamou a «deixar de castigar ás crianzas de Vigo cunha decisión que non entende ninguén».
«Que sentido ten que un parque como da Redomeira, na contorna da rúa Aragón, estea fechado e os dous macroparques do Calvario si estean abertos?», preguntouse Igrexas, subliñando o efecto contraproducente de só ter abertos a metade dos parques, na medida en que iso provoca unha maior presenza de familias e crianzas en menos espazo.
Sobre o argumento do Concello para suspender a desinfección e os peches, Igrexas asegura que o goberno local «vén de aprobar uns orzamentos de 264 millóns de euros, aos que se engaden 36 millóns de remanentes e os fondos extraordinarios que proveñan do Estado». «Non parece que sexa un problema económico», ironizou o portavoz municipal nacionalista.
Parques cubertos
Desde a fronte nacionalista volven demandar do Concello que poña en marcha un proxecto para cubrir parcialmente os parques infantís da cidade, como xa sucede noutros concellos galegos, do Estado e de Europa. «É claro que o que imos necesitar é máis espazos ao ar libre, e os parques non teñen porque estar limitados aos días que non chove», explican.