“A diferenza entre ter un Goberno comprometido coa cultura, como foron os gobernos dos que participou o Bloque en Vigo, e esta política de desculturización é evidente» indica o concelleiro Xabier P. Igrexas. O edil destaca que «non hai mellor maneira de humanizar de verdade a cidade de Vigo que achegando a cultura ás clases populares e levando as súas diferentes manifestacións artísticas ao barrios e parroquias como se facía con diferentes programas e festivais como o hoxe desaparecido Imaxina Sons”.
Neste sentido o BNG critica a desaparición do Imaxina Sons, despois de 14 edicións, e que o ano pasado fora rebautizado polo Goberno municipal como Festival de Jazz de Vigo.
A edición deste ano debera estar xa en marcha pero, segundo indica o BNG, o Concello non realizou ningunha xestión nin contactou co último director do festival, o guitarrista Felipe Villar, o que aboca á desaparición deste emblemático festival que fixo da nosa cidade unha referencia internacional.
Igrexas alerta de que “a este paso imos camiño de nos converter nunha especie de tanatorio cultural con máis festivais e programas falecidos e desaparecidos dos que se manteñen en marcha”. Ademais subliña que “alén de actuacións efémeras, de fogonazos con actuacións moi rimbombantes pero de moi pouco percorrido, a política cultural de Vigo é un absoluto deserto”.