A poucas horas do remate da campaña electoral de cara aos comicios municipais deste 28 de maio, o Bloque Nacionalista Galego apelou as persoas que inda fican indecisas trasladándolles que “si hai alternativa á inercia paralizante dos últimos anos”. O candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, quixo dirixirse expresamente á mocidade chamándoa a “non conformarse e protagonizar co seu voto decisivo un tempo novo para Vigo”.
“As mozas e os mozos podedes poñer fin ao castigo co que o actual Goberno municipal fixo desaparecer toda a política xuvenil. Porque precisades e merecedes moito máis que uns poucos grandes concertos. Apoiar o BNG é apostar por un Concello que cree oportunidades para que deixedes de ter que escoller entre desemprego, precariedade e emigración, facilitandovos o acceso á vivenda e multiplicando as políticas de emprego”, explicou.
Igrexas amosouse convencido de que “o BNG imos ser a grande sorpresa este domingo en Vigo, logrando sumar aos moitos millares de viguesas e vigueses que saben e senten que a cidade merece máis, moito máis”.
O candidato subliñou que as eleccións deste 28-M son unha grande oportunidade para “construírmos entre todas e todos o Vigo que soñamos e merecemos”. “Un BNG determinante seremos a garantía de poder avanzarmos cara a unha cidade máis habitábel e moito máis verde, igualitaria e socialmente xusta, que volva ser o pulmón industrial e produtivo de Galiza, que se referencie como vangarda na creación cultural e que asuma o papel que nos corresponde como maior cidade galega sendo motor de todo un país”, afirmou.
“Hai quen quere facervos crer que nada se pode facer, que o resultado xa está escrito, pero o BNG dicimos que o voso voto si que vale, que o escenario está moito máis aberto do que parece e o voso voto vai ser decisivo para trazarmos un novo rumbo para a cidade, escollendo entre quen só pode ofrecer máis do mesmo ou por levarmos Vigo máis alá”, acrecentou Igrexas, chamando a “confluír todas as gañas de cambio na papeleta do BNG” co obxectivo de lograr ser unha forza determinante.