Tras o anuncio feito no día de onte polo alcalde de Vigo de aplicar unha exención total na taxa da recollida do lixo a todos os estabelecementos da hostalaría e lecer nocturno na cidade, o Bloque Nacionalista Galego vén de demandar ao rexedor a extensión desta medida ao conxunto do sector comercial. Desde a fronte nacionalista insisten na necesidade de que se poñan en marcha liñas de axuda directa por parte do Concello en favor dos sectores máis afectados pola crise.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, valorou que a exención da taxa do lixo anunciada por Caballero «vai na boa dirección pero é absolutamente insuficiente». Igrexas reclamou estendela «a todo o sector comercial que atravesa tamén desde o inicio da pandemia unha situación crítica». «Non ten sentido deixar fóra desta medida os pequenos e medianos comercios da nosa cidade», reprochou.
Desde o Bloque lembran que xa no inicio da pandemia demandaron que o Goberno municipal despregase unha Estratexia Local de Promoción Económica e do Emprego, que incluíse, entre outros, un programa de axudas directas en favor do sector comercio, da hostalaría e das perruquerías e salóns de beleza dotado como mínimo con 10 millóns de euros. Unha medida que foi rexeitada reiteradamente e de maneira «inexplicábel», segundo Igrexas, por parte do executivo de Abel Caballero
«Non podemos seguir sendo a única cidade galega que non ten destinado nin un só euro en axudas directas en favor de sectores que representan un número moi importante de postos de traballo e de actividade económica para a cidade», demandou Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista urxiu o Goberno local «a actuar con decisión para evitar ver máis persianas baixadas e máis locais co letreiro de alúgase ou véndese por cesamentos de actividade».