O Bloque Nacionalista Galego reclamou este sábado que a intención, anunciada polo Goberno municipal, de acometer a reconversión de Vigozoo non fique reducida a “un anuncio propagandístico e un titular”. O concelleiro, Xabier P. Igrexas lembrou que a fronte nacionalista leva moitos anos a demandar a fin do modelo de “exhibición de animais cautivos” e transformar o recinto da Madroa nun espazo para a recuperación de fauna, a sensibilización ambiental e a divulgación científica.
Expresando a súa coincidencia para reconverter Vigozoo sobre a premisa de avanzar cara a un modelo máis sustentábel e respectuoso co benestar animal, Igrexas demandou un compromiso efectivo para o facer realidade.
O edil nacionalista interpelou o Goberno municipal na comisión informativa de Medio ambiente do Concello, celebrada esta semana, a respeito de cando e de que maneira se vai elaborar e poñer en marcha o proxecto, anunciado estes días polo alcalde, e a cargo de que partida orzamentaria se vai financiar. Neste sentido, desde o Bloque lembran que o PSOE rexeitou cos seus votos a emenda da formación nacionalista para que se incluíse nos orzamentos municipais deste ano 2020 unha primeira partida de 30 mil euros destinada precisamente a poñer en marcha un proxecto de transición sobre a estratexia Zoo XXI. “O PSOE decidiu dedicar cero euros a esta cuestión e o que tememos é que se trate dun novo anuncio oco, dunha promesa baleira, dun titular sen reflexo práctico”, explicou Igrexas que denunciou que a resposta á pregunta formulada foi até o momento o silencio.
“O compromiso do BNG vai ser o de sumar, o de empurrar en positivo para facer que este anuncio se converta nunha realidade o antes posíbel, dando resposta a cada vez maior sensibilidade social en favor dos dereitos dos animais”, anunciou o portavoz municipal nacionalista.