O BNG de Vigo emitiu este xoves un comunciado de prensa no que pide a retirada do busto do rei emérito que está instalado na entrada principal da casa consistorial e preside a Praza do Rei. A petición chega, segundo argumenta, tras «o último escándalo de Juan Carlos de Borbón, cando se vén de coñecer publicamente que o rei emérito tería recibido 100 millóns de dólares con orixe na Arabia Saudita».
«Desde o BNG entendemos que ese comportamento por parte do monarca emérito merece do reproche e da censura social» polo que defenden que diante destes «comportamentos corruptos e inmorais» cómpre un reproche público e institucional por parte do Concello de Vigo, afirmou o concelleiro da fronte nacionalista, Xabier P. Igrexas.
Para Igrexas este escándalo «pon en evidencia claros indicios de corrupción institucional e de negocios irregulares e ilegais por parte da persoa que ostentou durante moitos anos a xefatura do Estado español» e criticou a «incapacidade da Casa Real de ofrecer unha explicación razoábel e completa e de colaboraren de maneira activa para que se depuren até o final as responsabilidades legais correspondentes».
Monarquía anacrónica
«O rei emérito só merece o reproche e o rexeitamento, tal e como expresaron onte millares de viguesas e vigueses que fixeron resoar a súa indignación nunha impresionante cazolada», afirmou Igrexas. Un protesto que para o BNG expresa tamén a censura social cara a propia monarquía española como «institución antidemocrática e anacrónica». «É incomprensíbel que en pleno século XXI a xefatura de Estado sexa asumida por liñaxe de sangue, por razón de berce», remachan.