O Bloque Nacionalista Galego pide suspender a licitación para a denominada humanización de Samil, aprobada pola Xunta de Goberno local a pasada semana, até que se resolvan as alegacións ao proxecto por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco). O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, vén de remitir un escrito ao alcalde, Abel Caballero, para demandar que non se inicien aínda as obras que complementarían a actuación para a recuperación dunar a cargo do Goberno español.
«Carece de sentido avanzar os traballos de urbanización paralelos (fase 1B) por parte do Concello de Vigo até clarificar definitivamente os termos nos que se vai desenvolver a actuación do Miteco (fase 1A)», valorou Igrexas, que considerou «incomprensíbel» que o Goberno municipal pretenda adiantar a licitación parcial do proxecto sen estar definida polo momento a obra de maior alcance para a reforma do paseo.
O portavoz nacionalista advertiu de que estas «présas» do Goberno de Caballero poden comprometer o proxecto de recuperación da praia viguesa, pendente de resolver as alegacións formuladas, entre outras organizacións polo propio BNG, que poderían modificar parcial ou totalmente a proposta do MITECO.
Nese sentido, Igrexas reiterou a necesidade de rectificar a proposta do Goberno español por «insistir nun modelo fracasado» que vai limitar o alcance da recuperación dunar. «Se insiste en cementar de novo a praia de Samil estaremos diante dunha grande oportunidade perdida», subliñou en referencia á actuación, que proxecta recuar apenas 25 metros o actual paseo para construír un novo muro de formigón.
No entanto, dende a fronte nacionalista defenderon a aposta por modelos ambientalmente máis sustentábeis que permitiron recuperar con éxito sistemas dunares como no caso da praia do Vao. Así, a alternativa do BNG pasa por substituír o formigón por un sistema de pasarelas de madeira pivotadas en altura. «É claro que a praia de Samil é unha praia urbana, mais o reto que temos como cidade e a proposta que facemos dende o Bloque é que deixe de ser unha praia urbanizada», salientou Igrexas.
O voceiro nacionalista lamentou ademais que o proxecto do Miteco non conte cunha avaliación ambiental «consistente» para a recuperación integral do areal, con estudos que teñan en conta a propia dinámica da praia, como o realizado en 2020 polo Centro de Investigacións Mariñas. «Un ecosistema tan valioso como Samil non pode reducirse unicamente a unha gran superficie na que tender toallas», remachou.