O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, non acudiu, un ano máis, ao acto institucional organizado polo Concello de Vigo co gallo do día da Constitución española. «Tampouco o fará ningunha outra representante institucional da fronte nacionalista na cidade, como xesto de rexeitamento cara ao modelo de Estado que impuxo o réxime do 78», sinalou nun comunicado remitido antes da celebración.
Igrexas sinalou que «nada temos que celebrar dunha Constitución que nos nega como nación e que lexitima unha institución arcaica, antidemocrática e corrupta como a monarquía dos Borbóns».
O portavoz municipal nacionalista reclamou «avanzarmos en máis democracia e soberanía para Galiza» fronte a un texto constitucional que non permite o «pleno desenvolvemento do noso País nin o exercicio dos dereitos fundamentais e sociais, reducidos a papel mollado» mais que si blinda «o centralismo do Estado e o seu espolio colonial dos nosos recursos», así como o «asoballamento cultural e a negación do noso idioma».
«Non imos participar na adoración totémica dunha constitución erixida en sacrosanta polo españolismo reaccionario. É tempo de avanzarmos, superando o pacto co franquismo que representou a chamada Transición, conquistando a plena capacidade de decisión para o pobo galego para construírmos a República da Galiza igualitaria, xusta socialmente, radicalmente democrática e libre de toda forma de explotación», remachou Igrexas.