O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar o seu programa “aberto” con 629 propostas concretas para trazar “un novo rumbo” na cidade de cara ás eleccións municipais do 28 de maio. A fronte nacionalista suma na súa alternativa “en positivo” achegas e ideas recollidas durante máis de 50 encontros con diferentes colectivos e no que participaron varios centos de persoas e dun proceso participativo en redes sociais.
“Elaboramos o noso programa a pé de rúa, barrio a barrio e parroquia a parroquia, tratando directamente co tecido asociativo, para ofrecer unha proposta política ambiciosa pero, sobre todo, solvente e rigorosa que coñece en detalle as necesidades reais da cidade”, explicou o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que avanzou que o documento segue aberto até as eleccións para seguir incorporando ideas durante os encontros que van desenvolver as nacionalistas nos vindeiros días.
Igrexas asegurou que este programa é “unha folla de ruta” coa que o BNG busca definir “un novo horizonte” para Vigo que supere a actual “inercia paralizante”. Un documento que se divide en cinco coordenadas básicas para levar ‘Vigo máis alá’: avanzar cara unha cidade máis habitable e moito máis verde, igualitaria e socialmente xusta, que volva ser pulmón industrial e produtivo de Galicia, que sexa de novo referencia como vangarda na creación cultural e que asuma o seu papel como maior cidade galega e motor da rexión.
“Son propostas que buscan dar resposta ás innumerábeis necesidades desatendidas estes últimos catro anos por un Goberno que deixou 436 millóns de euros sen gastar dos orzamentos municipais”, defendeu o candidato do BNG, que chamou a trazar un novo rumbo para a cidade “na certeza de que Vigo, de que as viguesas e vigueses merecen máis que propaganda e anuncios que acaban en promesas incumpridas”.
Programa aberto a propostas
Igrexas anunciou que a fronte nacionalista irá debullando durante os vindeiros días as principais propostas de cada eixo programático, mais chamou a veciñanza a seguir trasladando as súas ideas para a cidade. “Queremos elaborar o programa do mesmo xeito que defendemos que se debe gobernar Vigo: escoitando e dialogando de maneira permanente”, reiterou o cabeza de lista, que lembrou que “as transformacións que fixeron avanzar a cidade foron sempre empurradas desde abaixo e resultado da suma de vontades”.
O candidato do BNG mostrouse convencido de que “sumando en positivo, entre todas e todos, imos facer posíbel que a cidade volva avanzar”. “Con firmeza nos nosos principios e nas ideas pero con disposición a incorporar outros puntos de vista, sabendo que os retos e as necesidades que enfrontamos esixen de respostas dinámicas, lonxe das rixideces do actual autoritarismo”, remachou.