Igrexas cuestionou a “consulta pública” realizada no mes de xullo toda vez apenas se recolleu ningunha das achegas que realizaron cidadás e cidadás e colectivos sociais. “Dixemos daquela e hoxe fica demostrado que era unha consulta farsa, que se quería dar aparencia de participación para logo non ter en conta nada do que se propuxese”, criticou.
A primeira cuestión que abordan nas súas alternativas é a de que o Regulamento non feche a posibilidade de que o servizo do autobús urbano poida ser xestionado de maneira directa e cento por cento pública. “A actual redacción quere facer irreversíbel que o servizo teña que ser fonte de lucro para empresas privadas e a posición do BNG é a de que temos que abordar a serio o debate sobre a remunicipalización deste e doutros servizos privatizados”, contrapuxo Igrexas.
Nas emendas nacionalistas propoñen a gratuidade do autobús urbano para todas as persoas menores de 14 anos, fronte aos actuais 4 anos, “tal e como xa se está a facer noutras cidades galegas”. Tamén queren que o regulamento recolla a obrigatoriedade de que existan tarifas bonificadas. Outra da cuestións suxeridas é estender o dereito a un transbordo gratuíto, facendo uso da tarxeta Pass Vigo, ata os 60 minutos en troca dos actuais 45.
Co obxectivo de apostar nunha mellor integración e para gañar en seguridade e comodidade, o Bloque defende que se dupliquen o número mínimo de prazas reservadas para persoas de mobilidade reducida, persoas maiores e embarazadas, de 4 a 8, e que se garanta un mínimo de 2 prazas para cadeiras de rodas ou infantís en todos os autobuses.
Unha das cuestións que subliñou Igrexas é a necesidade de maior participación no deseño do servizo e singularmente na definición do novo mapa de liñas. Neste sentido, propoñen que sexa preceptiva a consulta e informe do Consello Sectorial de Transporte do Concello, como máximo órgano consultivo e no que están representados os sectores implicados, sindicatos e movemento veciñal.
Tamén salientou o portavoz nacionalista a importancia de que no Regulamento, que será o marco normativo sobre o que elaborar o novo prego de concesión do servizo, se recolla que as condicións do mesmo garantirán “a adecuada e suficiente conexión dos barrios e parroquias e tamén coas infraestruturas básicas (centros sanitarios, educativos, estacións de tren, estación de buses, aeroporto, porto, etc.)” facendo que prevaleza o servizo público “sobre parámetros de custo-efectividade ou de previsión de rendibilidade económica” das liñas. “Do que se trata é de garantir un servizo en condicións para toda a cidade, sabendo que haberá liñas con menos capacidade de ingreso pero non menos necesarias”, explicou.
O Bloque recolle tamén a demanda dos colectivos animalistas e propón unha emenda na que se recolla que o Concello poderá estudar e implantar fórmulas que permitan o acceso de animais de compañía, e non unicamente cans-guía, aos autobuses garantindo a seguridade e as condicións hixiénico sanitarias. “Vemos como en moitas cidades do Estado e de Europa se está a permitir que no bus poidan acceder animais domésticos sen necesidade de ir nun transportín, Vigo non pode quedar atrás e ten que dar resposta a esa crecente demanda social”, defendeu o concelleiro.
No capítulo das sancións apostan por non aplicar multa económica a quen exerza a mendicidade nos autobuses. “Entendemos e compartimos que se prohiba practicar a mendicidade no interior dos buses, pero parécenos irracional que se multe con 100 euros a quen está pedindo para poder comer”, explicou. Tamén defenden que se reduza a contía da sanción por non portar billete a 30€, ou 50€ no caso de reincidencia no mesmo mes, fronte aos 100 euros que propón o Goberno municipal. “As multas teñen que ser un mecanismo de coerción pero non unha vía de recadación”, sosteñen.