O Bloque Nacionalista Galego propón catro melloras para axilizar o “deficiente” servizo de bus urbano en Vigo. A fronte nacionalista pide a implantación dun sistema de prioridade semafórica, máis carrís bus-taxi, estender o modelo de parada ‘en liña’ e modificar as cadencias horarias para evitar que pasen varias liñas xuntas en períodos curtos de tempo.
“Estas catro propostas concretas permitirían mellorar de maneira substancial a calidade do servizo na nosa cidade”, defendeu o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que asegurou que estas medidas son complementarias ao necesario redeseño do mapa de liñas e a un aumento das frecuencias, demandos de maneira reiterada polo Bloque.
Sobre o sistema de prioridade semafórica, Igrexas avanzou que xa existe noutras cidades galegas e do Estado. Desta forma, cando o autobús se aproxime a un semáforo este se poría en verde, desconxestionando o tránsito e dándolle así prioridade á mobilidade colectiva. En relación aos novos carrís bus-taxi, considerou “imprescindíbel” ampliar o seu número e recuperar de maneira efectiva o establecido na Gran Vía.
O edil nacionalista chamou tamén a acelerar a adaptación das paradas do bus para adoptar “con carácter xeral” o modelo de parada “en liña” fronte o habitual sistema “de caixón”, evitando así cambios de carril e xiros “perigosos e que enlentecen o paso do bus”. Por último, pediu atender unha “histórica demanda veciñal” coa revisión das cadencias horarias para evitar que varios buses pasen seguidos pola mesma parada nun período moi breve de tempo e provoquen longos lapsos onde non pasa ningún.
“Son medidas concretas e factíbeis que permitirían potenciar de verdade o uso do autobús como unha alternativa ao coche particular e avanzarmos, desta maneira, cara a unha mobilidade moito máis sustentábel”, apostou o candidato do BNG.