O Bloque Nacionalista Galego anunciou este martes que proporá ao Goberno municipal de Vigo a creación de zonas de xogo pintadas nas beirarrúas na cidade para as crianzas. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, defendeu esta iniciativa para facer máis “amigábel e divertido” o espazo urbano para a cativada durante a desescalada do confinamento.
Igrexas lembrou que esta iniciativa xa se puxo en marcha, a proposta do BNG, na cidade de Lugo. “As pequenas e os pequenos soportaron moitas semanas de confinamento e agora que os parques infantís seguen fechados, estas zonas de xogo farían máis agradábel os paseos permitíndolles brincar de maneira segura ao aire libre”, defendeu.
O portavoz municipal nacionalista chamou a dar un paso máis no proceso de “democratización do espazo público” coas novas peonalizacións que se están a realizar na cidade nos últimos días, pensando nas máis pequenas e pequenos.