O Bloque Nacionalista Galego apostar por “revolucionar” a mobilidade en Vigo coa posta en marcha dunha liña central de transporte alternativo entre Navia e Teis. Así o anunciou este mércores o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que propuxo dotar a cidade dun transporte articulado que sirva de “espiña dorsal” para conectar coa rede de bus urbano, para a que chamou a deseñar un novo mapa de liñas e mellorar frecuencias e horarios para dar “alternativas reais” ao uso do coche privado.
“Dentro da aposta estratéxica do BNG para avanzarmos cara a unha cidade moito máis habitábel e verde, consideramos fundamental potenciar de verdade o transporte colectivo”, defendeu Igrexas, que asegurou que existen na actualidade avances tecnolóxicos que permitiría poñer en marcha esta liña central con algunha modalidade de transporte articulado, como tranvías sen catenaria, trolebús ou metro lixeiro.
O candidato do BNG asegurou que esta nova alternativa de mobilidade conectará os tres grandes centros da cidade, dende o PAU de Navia, pasando por As Travesas, a considerada zona centro até chegar a Teis. “Con esa liña central conectaremos 8 quilómetros do casco urbano cun servizo que teña frecuencias de paso cada 7 minutos”, explicou Igrexas, que puxo o exemplo de cidades europeas con este sistema como Brno, a segunda cidade de República Checa, con dimensións e orografías próximas ás de Vigo.
Esta “espiña dorsal” funcionaría como un grande intercambiador para conectar co bus urbano, sobre o que o candidato do BNG chamou a deseñar un novo mapa de liñas que aposte por rutas circulares e con mellores frecuencias e horarios diante do “insuficiente” servizo que presta a actual concesionaria.
“Temos que dar alternativas ao uso do vehículo privado, que hoxe non existen por un bus urbano que non está á altura dunha cidade de 300.000 habitantes, porque a veciñanza de Vigo non colle o coche por gusto”, remachou.