O Bloque Nacionalista Galego demandou este luns, coincidindo co 30 aniversario da adquisición por parte do Concello de Vigo do Arquivo Pacheco a fin do «confinamento» deste valioso fondo fotográfico. A fronte nacionalista denuncia o reiterado incumprimento do convenio asinado en 1991 por parte da administración local e a precaria situación na que se mantén o Arquivo, almacenado na Casa das Artes en condicións inadecuadas de conservación, coa dixitalización por completar e sen ser accesible para o conxunto do público.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, salientou a «grande relevancia» do Arquivo Pacheco, integrado por entre 120 mil e 140 mil imaxes (entre fotografías, negativos e placas de cristal). «O Arquivo Pacheco é a memoria visual de preto dun século Da nosa historia. A memoria é o soporte da nosa identidade, somos porque fomos, e o maltrato que padece o Arquivo lesiona esa identidade», denunciou.
Igrexas lamentou a continuada falla de compromiso por parte do Concello de Vigo en relación a estes fondos agás no período 2007-2011, no que a área de Cultura estivo baixo dirección do concelleiro nacionalista, Xesús López Carreira. «Incúmprense todos e cada un dos compromisos recollidos no convenio que permitiu que a cidade se fixese con este fondo fotográfico», critica.
O portavoz municipal nacionalista carga con dureza contra o «desleixo e desprezo» do actual Goberno local en relación ao Arquivo Pacheco, lembrando que de maneira reiterada rexeitaron as propostas e emendas orzamentarias formuladas polo BNG para dignificar a súa situación. «O que merece o Arquivo Pacheco é ser conservado, dixitalizado e sobre todo exhibido, para que todas as viguesas e vigueses, todas as galegas e galegos, poidamos coñecer este incomparábel testemuño gráfico da nosa historia», acrecenta.
Neste sentido, Igrexas volveu lamentar a decisión do Goberno de Abel Caballero de finiquitar o proxecto de Centro Galego de Fotografía, que debía albergar estes fondos, para dedicar o seu edificio a ser «despacho da presidenta da Deputación».
Desde o Bloque chaman a poñer fin á política «suicida» que, segundo apuntan, practica o Concello no ámbito cultural, e a reverter a situación inaceptable na que se atopa o Arquivo Pacheco. «É só cuestión de vontade política. O Concello conta cos medios e cos recursos para facelo», sinalan.